O venres 25 de outubro, 21 alumnas (8 de A e 13 de B+C) e 26 alumnos (14 de A e 12 de B+C) da asignatura de Bioloxía e Xeoloxía de 4º ESO, acompañados polo salesiano Amador Lama e os docentes Gustavo Monroy e José Enrique Fernández, participamos nesta actividade proposta polo Seminario de Ciencias Experimentais, visitando varios puntos de interese do Macizo Central da provincia de Ourense.
A primeira parada de interpretación tivo lugar no Rodicio (no inicio da OU-0107, no desvío da OU-536 cara Baldrei). Nese punto, ademáis de desfrutar das vistas sobre a depresión de Maceda (rechea de sedimentos cenozoicos) e facer novos “amigos”, descubrimos que os materiais presentes na superficie son cuarcitas armoricanas.
Os autobuses fixeron unha breve parada técnica na vila de Castro Caldelas e, arredor das 10:30 h, comezamos o itinerario ambiental pola fraga do Navea. Os docentes repartiron copias dunha unidade didáctica elaborada polos integrantes do Seminario de Ciencias Experimentais, coa intención de que levaramos a cabo unha serie de actividades comentadas e supervisadas ó longo do percorrido. Na mesma unidade dispoñíamos dun mapa da fraga, sinalizado cos puntos de interese e as paradas de interpretación seleccionadas polos educadores.
A primeira actividade estaba localizada ó inicio do itinerario, na aldea de Mouruás.
A medida que camiñabamos pola fraga, a unidade didáctica ía propoñendo novas actividades.
Ás 13:30, seguindo o horario previsto, rematamos o itinerario pola fraga do Navea, subimos ós buses e achegámonos nestes a San Xoán de Río, onde xantamos. Recuperadas as forzas, os medios de transporte leváronos ata Rozavales para visitar o Castiñeiro de Pumbariños, nº 20 do Catálogo Galego de Árbores Senlleiras.
E que se considera unha árbore ou unha formación senlleira? Con independencia das medidas establecidas para a protección das especies ou unidades taxonómicas como tales, a conservación da nosa biodiversidade vexetal pasa tamén pola protección daqueles exemplares concretos ou rodais de árbores que polas súas características extraordinarias ou destacables (tamaño, idade, significación histórica ou cultural, rareza, beleza, etc…) son consideradas reliquias botánicas obxecto de respecto vecinal e con valor científico, cultural, didáctico, paixaístico ou ornamental. Estes exemplares singulares representan un valioso legado e un valor natural na medida en que se trata de elementos que subsistiron aos rigores dos tempos ou que contan cunhas particulariedades especiais.
A Xunta de Galicia deu un importante paso na protección deste particular patrimonio natural coa creación e regulación do Catálogo Galego de Árbores Senlleiras (CGAS), a través do Decreto 67/2007, do 22 de marzo, que estableceu o réxime xurídico básico para as árbores e formacións que se inclúan en dito catálogo, coa finalidade de protexelas de posibles riscos e ameazas, garantindo así a súa conservación. Polo tanto, terán a consideración de senlleiras as árbores ou as formacións de calquera especie, tanto autóctona como foránea, situadas en terreos de titularidade pública ou privada, que sexan merecedoras de medidas específicas de protección en atención as excepcionais características do seu porte, dendrometría, idade, rareza, significación histórica e cultural, interese científico, educativo, estético, paisaxístico ou calquera outra circunstancia que as faga merecedoras dunha especial protección. O Decreto 67/2007 foi modificado polo Decreto 10/2015, do 22 de xaneiro, que regula o CGAS.
Para rematar a xornada, visitamos o cerquiño ou rebolo do Pazo da Pena, un Quercus Pyrenaica que ocupa o posto nº 76 do CGAS.
A actividade rematou en torno ás 18:30 h, coa chegada dos 50 participantes ó colexio, logo dunha xornada de campo intensa e moi completa, na que tivemos a oportunidade de coñecer un pouco mellor algúns centros de interese do Macizo Central da provincia de Ourense.