ACTIVIDADES DE ENSINO PRIMARIO NO TERCEIRO TRIMESTRE.

O alumnado e as mestras e mestres de Ensino Primario (E.P.) levaron a cabo as seguintes actividades durante o terceiro trimestre do curso 2025-2026.

SEMENTEIRA DE XIRASOLES.

Entre o 22 de abril e o 28 de maio 5º de E.P. levamos a cabo unha actividade de sementeira de xirasoles, Helianthus annuus, unha experiencia práctica e educativa que nos permitiu achegarnos ao coñecemento das plantas e dos seus procesos de crecemento.

Ao longo da actividade, o alumnado aprendeu as diferentes fases da sementeira, desde a preparación da terra e a colocación das sementes ata os primeiros coidados necesarios para favorecer a súa xermolación e desenvolvemento. Ademais, traballáronse aspectos relacionados coas necesidades das plantas, como a importancia da luz solar, da auga e dun axeitado mantemento.

Esta proposta tamén favoreceu o desenvolvemento de valores como a responsabilidade, a paciencia e o respecto polo medio natural, xa que o alumnado continuará observando e coidando os xirasoles ao longo das próximas semanas para comprobar a súa evolución e crecemento.

APICULTURA.

O 27 de abril o alumnado de 4º de E.P. participou nunha actividade educativa na que puideron coñecer de primeira man o mundo das abellas. A actividade tivo lugar na Aula de Natureza do Miño, ubicada en Oira. Un dos obxectivos da mesma procuraba tomar conciencia da súa importancia para a polinización. Explicáronnos o funcionamiento dunha colmea e a súa organización, e cada alumna/o elaborou a súa propia vela empregando cera natural. Os organizadores tamén obsequiaron a todos os participantes coun pequeno bote de mel.

4ºA

4ºB

4ºC

EXCURSIÓN A A CORUÑA.

O 28 de abril o alumnado de 4º e 5º de E.P. disfrutou en A Coruña dunha completa xornada de convivencia e aprendizaxe na que combinamos actividades culturais, científicas e de lecer.

O alumnado de 4º comezou a visita no “Aquarium Finisterrae”. A sala Nautilus chamou a atención dos cativos, por estar decorada como o gabinete do capitán Nemo e pola gran diversidade de peixes. As explicacións dos biólogos sobre a biodiversidade mariña e especialmente sobre a quenlla Gastón foron moi interesantes. Para rematar a visita saimos ao exterior, á zona das focas, coincidindo coa hora da súa alimentación.

Logo do xantar no Monte de San Pedro, desprazámonos ata a Torre de Hércules, onde o alumnado tivo ocasión de desfrutar da contorna natural e da paisaxe da zona. Tamén houbo tempo para atender a unha explicación histórica sobre o faro en funcionamento más antigo do mundo.

Ao tempo, o alumnado de 5º visitamos a Casa das Ciencias, onde participamos en diferentes propostas e experiencias interactivas relacionadas co mundo da ciencia, favorecendo a experimentación, a observación e a aprendizaxe práctica.

Posteriormente, desprazámonos ao Monte de San Pedro para compartir o xantar co alumnado de 4º, desfrutando dun tempo de convivencia nunha contorna natural de grande valor paisaxístico. Pola tarde, percorrimos parte do paseo marítimo da cidade e visitamos a Praza de María Pita, onde o alumnado puido coñecer diferentes curiosidades e aspectos históricos relacionados con este emblemático espazo da cidade.

Esta actividade permitiu fomentar a convivencia entre o alumnado, ampliar coñecementos sobre a contorna e desfrutar dunha experiencia educativa fóra da aula.

COIDADO DE PLANTAS DE INTERIOR.

Do 12 ao 27 de maio o alumnado de 5º de E.P. levou a cabo unha actividade de coñecemento e coidado de plantas de interior, co obxectivo de achegarnos ao mundo vexetal e fomentar hábitos de responsabilidade e respecto polo medio natural. En cada aula coidamos unha planta diferente: unha cinta ou planta araña, un espatifilio e unha hedra. Isto permitiunos observar de forma directa as características de cada especie e comprender mellor as súas necesidades de luz, rego e mantemento.

Ao través desta experiencia, o alumnado foi adquirindo coñecementos sobre o coidado das plantas e a importancia da súa observación diaria, desenvolvendo ao mesmo tempo actitudes de responsabilidade, coidado e sensibilización cara a contorna natural.

VISITA Á ESTACIÓN DE TRATAMENTO DE AUGA POTABLE (E.T.A.P.).

Durante a primeira semana de maio o alumnado de 4º de E.P. visitou as instalacións da E.T.A.P. para seguir aprendendo sobre o sistema de potabilización, amoreamento e distribución da auga. Aproveitamos a saída para para coñecer novos espazos da nosa cidade. Canto traballo para poder empregar a auga que sae pola billa das nosas casas !!!

APRENDIZAXE COOPERATIVO – ANIMAIS.

Durante este último trimestre, en 5º de E.P. realizamos unha actividade relacionada co estudo dos animais e a súa clasificación. Cada grupo base cooperativo escolleu a identidade dun animal diferente, pertencente a distintos tipos e clasificacións, o que nos permitiu achegarnos de forma práctica e motivadora ás características dos animais vertebrados e invertebrados, así como aos diferentes grupos aos que pertencen. A partir desta proposta, o alumnado investigou e recompilou información sobre o animal escollido, traballando aspectos como a alimentación, o hábitat, a reprodución ou as súas principais características.

Como parte final da actividade, cada grupo elaborará carteis explicativos e realizará unha presentación para compartir co resto dos compañeiros e compañeiras os coñecementos adquiridos, favorecendo así a aprendizaxe cooperativa e a expresión oral.

VISITA Á CASA DO QUEIXO.

O pasado 26 de maio, o alumnado de 2° de E.P. xunto con catro mestras achegámonos ata Sobrado dos Monxes para desfrutar dunha xornada na natureza, na Casa do Queixo. Ademais de aprender a técnica tradicional e artesá da elaboración deste lácteo, facendo os nosos propios queixos, coñecemos o coidado dos animais da granxa. Tamén puidemos vivir a experiencia de ver como se habitaba unha casa tradicional de aldea do século pasado, cos aperos de labranza propios da época, menaxe de cociña, elementos para elaborar manteiga, conservar alimentos e o uso da lareira cos seus potes para cociñar.

Rematamos a xornada cunha emocionante actividade de tiro con arco.

VISITA A FERVENZAVENTURA.

O 26 de maio o alumnado de 1º de E.P. cambiamos por un día as aulas pola natureza máis viva. Convertémonos en auténticos exploradores e exploradoras e non paramos de aprender e disfrutar: coñecemos de preto aos animais de Fervenzaventura, aprendendo a coidalos e respectalos; descubrimos o fascinante proceso da lá, desde que se esquila á ovella ata que se transforma en fío (poder tocala foi o mellor !!!); e puxémonos a lupa de investigadores para descubrir e identificar pegadas de diferentes animais da contorna.

VISITA AO MUSEO DE CIENCIAS DO COLE.

O 26 de maio 5º de E.P. levamos a cabo unha visita ao Museo de Ciencias Naturais do colexio como parte do traballo relacionado cos animais e a súa clasificación. Durante a visita, o alumnado puido observar diferentes exemplares e coleccións, o que permitiu achegarnos de maneira máis práctica e visual ás características dos distintos grupos de animais. A actividade serviunos para reforzar os contidos traballados na aula sobre os animais vertebrados e invertebrados, así como as súas principais características e formas de clasificación. Ademais, esta experiencia favoreceu a curiosidade, a observación e a aprendizaxe activa, permitindo ao alumnado relacionar os coñecementos teóricos coa observación directa dos exemplares expostos no museo.