Recicla no nadal: Clowntifics no Auditorio

O mércores 11 de decembro, entre as 11:30 e as 13 h, 400 alumnas e alumnos de Salesianos, Irmáns Villar e Padre Feijoo participaron no Auditorio nun evento teatral que apostou pola mellora do medio ambiente, procurando un futuro máis sustentable para Ourense.

A actividade formaba parte do Programa Recicla o Nadal da Concellería de Medio Ambiente do Concello de Ourense. O concelleiro, Jorge Pumar, foi o encargado de presentar ós dinamizadores desta actividade de divulgación científica.

Empregando experimentos teatralizados (seguindo a dous científicos «tolos», Supercalzóns Woman e Oriol), tratouse o tema do cambio climático, as súas causas (queima de combustibles fósiles, aumento dos niveis de CO2 atmosférico, efecto invernadeiro…), as súas consecuencias (subida do nivel do mar, acidificación dos océanos, fenómenos atmosféricos extremos…) e as súas posibles solucións (uso de enerxias alternativas, reforestación, consumo responsable…).

Unha alumna e un alumno de 1º ESO animáronse a subir ó escenario cando pediron voluntarios para levar a cabo os experimentos…

… e todas e todos desfrutaron da actividade.

Podedes ver a nova emitida por Telemiño na seguinte ligazón: https://youtu.be/SZWkmilb5QI

En xaneiro voltaremos con máis actividades. Desfrutade das festas e feliz 2020.