XORNADA CONCIENCIA

O Dr. Luis González Rodríguez, profesor de bioloxía vexetal e director do laboratorio de ecofisioloxía de plantas da Universidade de Vigo, foi o poñente da primeira Xornada ConCiencia deste curso, unha actividade que se levou a cabo entre a Aula Magna do centro e a contorna próxima ó mesmo, entre a ponte vella e a ponte nova.

O profesor Gustavo Monroy fixo a presentación do poñente na Aula Magna. O experto levou a cabo unha breve explicación-introdución, marcando claramente as diferenzas entre unha especie exótica e unha especie invasora, destacando cando se considera exótica e máis invasora. Empregou unha dinámica participativa, a través de bombardeo de ideas por parte do alumnado sobre eses conceptos e cunha manchea de exemplos para asentar as explicacións. Ó alumnado chamoulle a atención o exemplo do tomate como especie exótica pero non invasora.

Rematada a introdución, e antes de sair do centro, visitamos os xardíns do colexio, onde apreciamos a acción sobre as palmeiras do picudo vermello, Rhynchophorus ferrugineus.

Nestas imaxes pode verse o estado das plantas a finais de outubro, claramente atacadas polo insecto.

En febreiro de 2013 La Voz de Galicia alertaba da chegada a Galicia desta especie de curculionido. Lamentablemente ven de convertirse nunha praga que está a diezmar as palmeiras de moitas localidades. En España, o primeiro foco detectouse no ano 1995 en Granada (Andalucía), continuando a súa expansión a través do territorio nacional e aparecendo posteriormente na Comunidade Valenciana (2004), Cataluña e Murcia (2005), Illas Baleares e Illas Canarias (2006).

Durante a observación dos restos das follas das palmeiras, resultado das primeiras podas (preceptivas para xestionar os residuos derivados da corta e destrucción das plantas afectadas), o poñente fixo algunhas referencias ó custo económico e ambiental do problema das especies exóticas e invasoras, como é o caso deste insecto.

Poden apreciarse perfectamente as galerías e a exudación viscosa de cor avermellada, característica da presenza tanto de larvas como de adultos, o que complica enormemente o tratamento e curación da planta.

Saímos do centro e percorrimos preto de 500 m do sendeiro periurbano pola beira do Miño, facendo varias paradas de interpretación.

Na beira do Miño, outras das ideas presentadas polo poñente foron as do asentamento das especies vexetais exóticas invasoras en terreos degradados (estradas, movementos de terra, enchentas do río…) e a do río como vector de propágulos.

En apenas medio km atopamos as seguintes especies vexetais exóticas invasoras: Robinia pseudoacacia, Ailanthus altissima, Acacia dealbata, Cortaderia selloana, Conyza bonariensis e Phitolacca americana.

A Robinia pseudoacacia trouxérona de América polas súas propiedades para apuntalar terrapléns, movementos de terra… e actualmente está presente en toda a comunidade autónoma.

Ailanthus altissima está ampliamente naturalizado en case todas as zonas non moi frías da Península, sendo orixinaria de China, onde se cultiva por servir as súas follas para a alimentación dunha especie de gusano de seda, Samia Cynthia.

Acacia dealbata é orixinaria de Australia e Tasmania, e sábese da súa introdución en España desde 1824. A especie plantouse como ornamental e para fixar taludes do camiño de ferro de Galicia ao longo do século XX. Axiña se espallou polo territorio, especialmente en zonas degradadas, montes queimados, na costa e nas zonas máis cálidas da comunidade autónoma, como O Ribeiro (onde as varas empregábanse para guiar as vides), tornándose unha especie moi invasiva e que supón un gran problema ecolóxico para a biodiversidade dos montes monoespecíficos.

Atópase amplamente naturalizada, invadindo as partes baixas e medias de Galicia até unha altitude de 600 m, formando parte da paisaxe galega. La Voz de Galicia chamaba a atención sobre esta información en marzo e abril de 2011, como pode verse nas imaxes seguintes.

Acacia dealbata impide a rexeneración da vexetación natural alterada debido principalmente á súa facilidade para xerminar e regromar despois dos lunes, unido ó seu rápido crecemento. A súa erradicación é difícil e custosa.

Cortaderia selloana, a herba da Pampa, é orixinaria de certas rexións subtropicais de Sudamérica, ocupando territorios de clima temperado de Arxentina, Uruguai e sur de Brasil, así como en zonas costeiras e vales internos con clima mediterráneo de Chile. Esta especie foi introducida en Europa por un agricultor escocés entre 1775 e 1862. A súa produción comercial comezou en 1874 en EEUU e Europa, e desde entón popularizouse o seu uso como planta ornamental por todo o mundo.

A primeira referencia da súa presencia escapada do cultivo en España rexistrouse no ano 1969 (Sanz-Elorza et al. 2004). Ademais da xardiñeiría, na introdución e dispersión desta especie nun territorio teñen un importante papel as vías de comunicación (autoestradas, estradas, vías de ferrocarril, camiños…), que ademáis de ofrecer grandes superficies de solo sen vexetar ou moi alterado nos seus noiros, favorecen a dispersión das sementes desta especie.

O profesor universitario tamén comentou o caso da Ludwigia glandiflora, destacado pola súa eliminación no Barbaña, nova recollida por La Voz de Galicia (ver a seguinte ligazón: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/ourense/ourense/2016/10/21/adios-planta-invasora-barbana/00031476990232842849179.htm)

Para rematar a actividade, namentres desandabamos o camiño de volta ó colexio, o alumnado tivo a oportunidade de facer uso da aplicación móbil da Uvigo sobre plantas exóticas e invasoras. O manexo desta app pode consultarse na seguinte ligazón: https://tv.uvigo.es/video/5b5b619d8f4208704afcd5ca

O Proxecto ambiental NaturezAula, e en particular a organización e desenvolvemento das Xornadas ConCiencia, queren agradecer a colaboración continuada do Dr. Luis González Rodríguez desde o ano 2013.