Co obxectivo de converter estas aprendizaxes nunha experiencia práctica, motivadora e significativa, deseñamos unha serie de actividades de programación e robótica nas que as nenas e os nenos tiveron que representar os movementos da Terra, da Lúa e do Sol, recreando distintas situacións relacionadas cos eclipses. A través do xogo e da experimentación, puideron poñer en práctica os coñecementos adquiridos na aula dun xeito dinámico e divertido. Ademais de afondar nos contidos científicos, estas actividades permitiron traballar outras competencias fundamentais, como a lateralidade, a orientación e comprensión espacial, a memoria visual, a resolución de problemas e a capacidade de planificación e programación, favorecendo o desenvolvemento do pensamento lóxico e computacional desde idades temperás.