PÓDENSE OBTER MEDICAMENTOS A PARTIR DE PLANTAS TRANSXÉNICAS?

O martes 26 de xaneiro, entre as 13:30 e as 15 h, alumnado de 1º BAC matriculado en Cultura Científica (57), e de 2º BAC Ciencias (29), acompañados por docentes de ESO-BAC, tiveron ocasión de presenciar no salón de actos do centro a primeira Xornada ConCiencia deste curso, a cargo da Doutora Mª Carmen Rodríguez Gacio, do Departamento de Bioloxía Funcional, Área de Fisioloxía Vexetal, da USC. Esta actividade forma parte do programa A Ponte entre o Ensino Medio e a USC.

Mª Carmen Rodríguez Gacio, no salón de actos do CPR Plurilingüe María Auxiliadora de Ourense.

A ponencia tiña como título pódense obter medicamentos a partir de plantas transxénicas?  e a poñente falou do seu traballo de investigación, destacando as aplicacións das plantas transxénicas e a obtención de medicamentos a partir das mesmas, deixando para a parte final da charla a relación das investigacións neste campo da biotecnoloxía coa obtención de medicamentos para combatir a COVID19.

Entre outros contidos, a profesora universitaria falou de mellora da calidade de froitos e sementes (como as do tomate, a fresa e o café), mellora dos nutrientes (produción de vitaminas en variedades de pataca, arroz e tomate); resistencia a bacterias (arroz e pereira), insectos (millo e arroz), fungos (tomate e vide), virus (calabacín e papaya) e herbicidas; producción de bioplásticos e biodiesel…

Na parte final da súa presentación amosou como se obteñen proteínas recombinantes con fins terapéuticos. Para rematar a actividade achegouse ao alumnado con algunhas placas de Petri e tubos con agar que contiñan mostras das plantas coas que traballa, en distintos estados de desenvolvemento.

Placas de Petri e botes con agar para cultivo de plantas.

Desde o Seminario de Ciencias Experimentais queremos agradecer ao programa A Ponte entre o Ensino Medio e a USC a oportunidade de ter esta charla presencial.