5º EP RECICLA O ACEITE USADO DOMÉSTICO.

O luns 18 de xaneiro, entre as 12:30 e as 13:15, docentes de ESO-BAC do Seminario de Ciencias Experimentais presentaron ao alumnado de 5º de Primaria a campaña RECICLA O ACEITE USADO DOMÉSTICO, organizada polo Concello de Ourense. Dúas aulas, A e B, seguiron en streaming a presentación que se levou a cabo en 5ºC.

A iniciativa ten como obxectivo sensibilizar e concienciar sobre a necesidade de recoller o material de refugallo de xeito selectivo, incidindo especialmente na separación e recollida do aceite usado doméstico, para facilitar a súa posterior reciclaxe. Non está de máis lembrar que 1 litro de aceite usado contamina 1.000 litros de auga, como nos lembran nos cinco últimos minutos do audiovisual “En movimiento” do programa “Reduce tu huella”, emitido por La2 de RTVE o 31 de outubro deste mesmo ano (podedes visionalo na seguinte ligazón: https://www.rtve.es/alacarta/videos/reduce-tu-huella/reduce-tu-huella-movimiento/5701191/).

Aula de 5ºA
Aula de 5ºB
Aula de 5ºC

Con este propósito, o Concello de Ourense distribuiu pequenas láminas informativas imantadas (para poñer, por exemplo, na porta dos refrixeradores) e funís que facilitan a recollida do aceite usado na casa. Os funís permiten verter esta parte do lixo en envases de plástico de xeito limpo e seguro.

Os funís veñen provistos dunha rosca e dunha peza azul adaptada que fan posible a compatibilidade con distintos tipos de bocas de envase, todas elas de plástico (envase tipo no que se debe depositar o aceite usado doméstico nos máis de cen contenedores despregados polas rúas da cidade).

Para motivar a campaña, o mércores 27, entre as 10:15 e as 11:15, o alumnado das tres aulas visitou a cociña do centro, onde se distribuiu aceite usado (recollido na propia cociña, que se encarga de elaborar a diario os menús para boa parte do alumnado e moitas familias e docentes) entre o alumnado, solucionando todas as dúbidas que ían xurdindo sobre o emprego dos funís.

Aula de 5ºA.

Aula de 5ºB.

Aula de 5ºC.

Ao remate da actividade o alumnado levou cadanseu funil e a botella que trouxera baleira da casa, desta vez con aceite usado, lista para ir a parar a un dos contenedores distribuidos pola cidade. O seguemento da actividade foi moi satisfactorio, como mostran as seguintes imaxes, recollidas nos días seguintes.

Agardamos que esta actividade de sensibilización e concienciación teña continuidade e sexa de axuda na mellora da xestión desta fracción do lixo.