Ensino Infantil no Ecoespazo Mamá Margarida.

Como cada setembro, a nosa horta escolar atópase chea de froitos e hortalizas das sementes plantadas durante o curso anterior. A chegada do outono convértese nunha oportunidade fantástica para que o alumnado de Educación Infantil aprenda de xeito vivencial, explorando a natureza e descubrindo os cambios que se producen nesta estación.

As primeiras en achegarse á horta foron as crianzas de 6º de Ensino Infantil, que puideron comprobar como medraran as cabazas durante o verán. Pero non todas estaban igual: algunhas xa estaban listas para a colleita, mentres que outras comezaban a podrecer, o que nos permitiu observar unha parte máis do ciclo vital das plantas e comprender que a natureza está en constante transformación. Tamén descubrimos outras hortalizas propias desta época que se atopaban no momento óptimo para a súa recolleita, como os pementos e as acelgas, mentres que dos tomates apenas quedaban restos. E, para que a experiencia fose aínda máis enriquecedora, puxemos en marcha todos os nosos sentidos: observamos as diferentes cores e formas, tocamos as follas e os froitos e achegámonos ás plantas aromáticas, como o perexil, para descubrir que non todas as plantas cheiran igual e que algunhas teñen aromas máis intensos ca outras.

Despois chegou a quenda do alumnado de 5º de Educación Infantil. Como moitas das colleitas xa foran recollidas, aproveitaron a visita para traballar o conto As tres follas e introducir algúns dos cambios que podemos observar durante o outono. A través desta historia, as crianzas puideron relacionar o relato coa realidade da horta e descubrir por que caen as follas das árbores e como a paisaxe se transforma coa chegada desta estación.

Ademais, tiveron a oportunidade de observar algúns dos froitos e hortalizas que aínda permanecían na horta, como as leitugas, os pementos e as noces, descubrindo a diversidade de formas, cores e texturas que nos ofrece a natureza.

Deste xeito, a nosa horta volve converterse nun espazo privilexiado de aprendizaxe, onde os contos, a observación directa e a experimentación nos axudan a comprender o mundo que nos rodea, respectar os ciclos naturais e gozar da natureza cos cinco sentidos.