OUTONO EN EDUCACIÓN INFANTIL.

En Educación Infantil desfrutamos moito do outono, unha estación que nos permite ver, sentir e experimentar tanto dentro como fóra das aulas. As crianzas de 6º centrámonos nun fenómeno moi característico desta estación: a caída das follas das árbores. Que sorte contar cun cole rodeado de diferentes especies que nos permiten achegarnos á natureza e observar de primeira man como cambia a paisaxe… En outubro recollemos follas de distintos tipos e comparamos as súas características, descubrindo que non todas as árbores perden as súas follas nesta estación.

Logo da recollida, chegou o momento de transformar as follas nun elemento decorativo para as nosas aulas. Así, puxemos a creatividade en marcha e dedicámonos a elaborar uns simpáticos raposos que agora decoran as nosas aulas. Os elementos naturais ofrécennos múltiples posibilidades para explorar, experimentar e crear, ao tempo que nos permiten observar e coñecer mellor a nosa contorna.

Pola súa banda, en novembro o alumnado de 4º aproveitou as follas recollidas como un recurso complementario para a actividade de afillamento lector co alumnado de 5º de Ensino Primario, na que están a traballar o conto O ladrón de follas.

Ademais das follas, empregaron outros elementos naturais, como piñas e castañas, nunha bandexa de experimentación para realizar diferentes propostas manipulativas e mesmo construír frases.

E as crianzas de 5º crearon nas súas aulas o seu propio recuncho do outono, no que as familias tamén colaboraron achegando diferentes elementos naturais e mesmo creacións artísticas elaboradas con materiais e froitos propios desta estación.

Unha maneira de achegarnos ao outono a través da observación, a manipulación, a experimentación e a creatividade.