O día 17 de decembro, alumnado de Bioloxía e Xeoloxía de 4º ESO participou nun itinerario desde Seixalbo ata o colexio, seguindo un treito do Camiño de Santiago na súa entrada polo sur á cidade de Ourense. Esta actividade complementaria, organizada polo Seminario de Ciencias Experimentais, dentro do Programa de Educación Ambiental Voz Natura, tiña como obxectivo destacado achegarnos á parte sur do concello, nunha aproximación ao núcleo rural de Seixalbo e á contorna do río Barbaña (afluente do Miño pola súa beira esquerda). Os docentes artellaron o itinerario didáctico ambiental arredor de 6 centros ou paradas de interpretación, sobre as que deseñaron unha unidade didáctica que entregaron en caderno de papel (a semana previa á actividade compartiron ese documento en pdf por medio do correo electrónico).
O Camiño de Santiago (tamén denominado Camiño Real a Castela, Camiño Mozárabe ou Vía da Prata) achégase a Ourense polo Cumial, desde o sur. Antes de entrar na cidade, pasa por Seixalbo, facendo unha parada na capela de Santa Águeda, ubicación escollida polos docentes como punto de reunión co alumnado, que se desprazou ata alí en vehículos particulares ou en transporte urbano (liña 14, Viso-Cumial). Na capela de Santa Águeda presentamos a Juan Cid, vogal da directiva da Asociación Veciñal San Breixo de Seixalbo, que nos acompañou no percorrido pola vila.
Juan Cid comentou moitas curiosidades sobre etnografía, patrimonio, natureza, historia… Nada máis comezar, paramos no lavadoiro próximo a rúa da Coenga, rodeado por varios pozos dos que se sacaba auga empregando cambóns (tamén chamados balancíns ou cegoñais).
No percorrido polas rúas de Seixalbo descubrimos a que se adicaba a xente da vila; como interactuaba no pasado co medio (sementando productos da horta nas terras baixas e traballando as vides nas terras altas); a relación que mantivo co Cabildo Catedralicio de Ourense (ao través dos foros que pagaban polo uso destas terras de propiedade eclesiástica, dos que obtiveron a exención en 1859, arredor dun século antes que o resto de Galicia), e a festa asociada a esta historia, coa Praza do Cabildo como epicentro; a figura de José Pereira Rodríguez, alcalde de Ourense entre 1916 e 1917, impulsor da educación das nenas e mulleres da época; como foi medrando a vila arredor da actual rúa da Requeixada…
Na panadería Roberto tivemos a oportunidade de selar as credenciais do Camiño de Santiago. Atendeunos amablemente Mari Outeiriño, que tamén fixo entrega aos participantes dunha galletas, obsequio da Asociación Veciñal San Breixo de Seixalbo.
Na compaña dunha veciña, María Luisa Nóvoa, visitamos o interior da igrexa de San Breixo, construcción de planta rectangular de orixe románica. Desa época consérvanse marcas de canteiro nos alicerces dos muros que dan ao camposanto e nos canzorros dos aleiros. No século XIX sufriu unha profunda reforma que culminou no ano 1901 coa construción da actual fachada, obra de Daniel Vázquez Gulías, co esbelto campanario no que destaca o reloxo. No interior chaman a atención unha capela prateresca e o arco triunfal de estilo mozárabe, copia ampliada do orixinal que había antes da reforma.
Convidáronos a coñecer o local da Asociación Veciñal San Breixo de Seixalbo, onde Juan Cid contounos a historia de Paquita, Nicanor e o seu fillo Vicentiño, auténticos protagonistas do entroido da vila: estas figuras son entregadas a unha parella de xente nova, para desexarlles fecundidade, que se compromete a alimentalas (como din na vila, caro non sae) e vestilas; esa vestimenta será a indumentaria de referencia da xente da vila na seguinte festa do entroido, na que se entregarán a unha nova parella.
Para rematar a visita subimos ao piso superior do Centro Cívico, antiga casa do coronel Abelardo Arce (na actualidade propiedade do Concello de Ourense), o edificio máis alto da vila, desde onde se ten unha magnífica panorámica da mesma, con Ourense ao norte.
Logo de darlle as grazas a Juan Cid polo seu bo facer, o alumnado tivo un ratiño para descansar e, de paseo polas rúas da vila, tentar atopar algún dos elementos presentes na seguinte fotografía.
Marchamos de Seixalbo pola Verea Real; antes, os docentes repartimos luvas e sacos para recoller lixo ao noso paso polas ribeiras do Barbaña.
Na beira dereita do río puidemos ver a horta comunitaria e o Parque da Metamorfose. Nos anos noventa, a Xunta de Galicia levou a cabo o encauzamento do río. Posteriormente, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (á que agradecemos que facilitara as fotografías empregadas para elaborar esta parte da unidade didáctica, así como a ligazón seguinte http://mapas.xunta.gal/visores/comparador/, na que se pode ver a transformación do río tomando como referencia imaxes aéreas da década dos 60 e do ano 2017) encargouse da eliminación dalgúns azudes e do saneamento. No 2017 a presenza de Ludwigia grandiflora no tramo urbano do río requeriu dunha actuación sobre esta planta invasora; tamén se acometeron actuacións de acondicionamento e limpeza do cauce no dominio público hidráulico e zona de servidume.
E chegamos ao enlace coa ponte de Marcelo Macías, preto do edificio de La Molinera. Na unidade didáctica puidemos ver as fotografías de comezos do século XX (chamando a atención a do Pozo do Inferno, preto da actual ponte de Marcelo Macías, na desembocadura do rego dos Muíños no Barbaña), e as desta infraestrutura xa como Centro de Coñecemento e Laboratorio de innovación social dixital. Nos Xardíns do Posío fixemos un descanso, e aqueles que amosaron interese puideron atopar especies vexetais singulares, tamén recollidas na unidade didáctica. Nos Xardíns das Burgas fumos testigos da corta, o día anterior, das catro palmeiras afectadas polo picudo vermello (na unidade didáctica facíase referencia ao mal estado das mesmas).
Fotografía tomada o 29 de setembro deste ano, durante a actividade #somosÁRBORE.
De volta ao río, pasando á beira da Praza de Abastos, en obras, fixámonos nos abundantes exemplares de plantas exóticas invasoras como Acacia dealbata, Cortaderia selloana, Ailanthus altissima e Phytolacca americana.
E voltamos ao colexio mergullándonos na feira, que segue a celebrarse na marxe esquerda do río ao seu paso polo parque Barbaña. Ao rematar o percorrido, fixemos unha valoración do lixo recollido, constatando que, aínda que non se vía moita suciedade, puidemos recoller bastantes desperdicios que non deberían de ficar tirados nas ribeiras.
Rematamos a actividade non sen antes facer unha fotografía de grupo á beira do pavillón polideportivo dos Remedios, cun novo aspecto desde hai poucas semanas, froito dunha actuación integral durante a segunda metade deste ano.