Nas sesións de aula da última semana de novembro os docentes do Seminario de Ciencias Experimentais presentaron ao alumnado de 1º ESO a campaña RECICLA O ACEITE USADO DOMÉSTICO, organizada polo Concello de Ourense (Medio Ambiente, Perímetro Rural e Cooperación Institucional).

A iniciativa pretende sensibilizar e concienciar sobre a necesidade de recoller o material de refugallo de xeito selectivo, incidindo especialmente na separación e recollida do aceite usado doméstico, para facilitar a súa posterior reciclaxe. Non está de máis lembrar que 1 litro de aceite usado contamina 1.000 litros de auga, como nos lembran nos cinco últimos minutos do audiovisual “En movimiento” do programa “Reduce tu huella”, emitido por La2 de RTVE o 31 de outubro deste mesmo ano (podedes visionalo na seguinte ligazón: https://www.rtve.es/alacarta/videos/reduce-tu-huella/reduce-tu-huella-movimiento/5701191/.
Con este obxectivo, o Concello de Ourense distribuiu pequenas láminas informativas imantadas (para poñer, por exemplo, na porta dos refrixeradores) e funís que facilitan a recollida do aceite usado na casa. Os funís permiten verter esta parte do lixo en envases de plástico de xeito limpo e seguro.
Os funís veñen provistos dunha rosca e dunha peza azul adaptada que fan posible a compatibilidade con distintos tipos de bocas de envase, todas elas de plástico (envase tipo no que se debe depositar o aceite usado doméstico nos máis de cen contenedores despregados polas rúas da cidade).
Para motivar a campaña, os docentes do Seminario de Ciencias Experimentais distribuiron aceite usado (procedente das cociñas do centro, que se encargan de elaborar a diario os menús para boa parte do alumnado e moitas familias e docentes) entre o alumnado, solucionando todas as dúbidas que ían xurdindo sobre o emprego dos funís.
O alumnado levou cadanseu funil, botou o aceite usado das súas casas en envases de plástico e desfíxose dos envases nos contenedores.
O seguemento da actividade foi moi satisfactorio, como mostran as seguintes imaxes, recollidas nos primeiros días da campaña.
Agardamos que esta actividade de sensibilización e concienciación teña continuidade e sexa de axuda na mellora da xestión desta fracción do lixo.
