O día 16 de novembro, alumnado de Cultura Científica de 1º de bacharelato participou nun itinerario desde Quintela a Outariz (pasando por Santa Comba de Naves e por Untes). Esta actividade complementaria, organizada polo Seminario de Ciencias Experimentais e polo Seminario de Educación Física, dentro do Programa de Educación Ambiental Voz Natura, pretendía, entre outros, dous obxectivos: por unha banda, recuperar sensacións en contacto coa natureza, logo destes difíciles meses aprendendo a convivir co SARS-CoV-2; por outra, achegarnos á parte máis septentrional do concello, nunha aproximación a bosques caducifolios, mediterráneos e de ribeira, moi preto do Camiño Real de Santiago (por Castro de Beiro) e do Camiño Real de Cudeiro (por Sartédigos).
A continuación, o alumnado participante narra a súa experiencia, acompañada de fotografías tomadas por eles mesmos e polos educadores que os acompañaban:
O punto de reunión (punto A no mapa), xusto na entrada da rúa das Carballas, correspondía coa parada de bus urbano situada ao remate da recta de Quintela. Neste punto os profesores Gustavo Monroy e Santos Vivas presentaron a Eduardo José González Clavijo, xeólogo, que nos acompañou durante toda a mañá para axudarnos a profundizar en contidos relacionados coa xeoloxía, moi presente durante o roteiro, un itinerario didáctico ambiental que os docentes artellaron arredor de 10 centros ou paradas de interpretación, sobre as que deseñaron unha unidade didáctica que entregaron en caderno de papel (a semana previa á actividade compartiron ese documento en pdf por medio do correo electrónico). Dispuxemos tamén dunha clave dicotómica para o recoñecemento de árbores comúns, e do Ipad do proxecto, dispositivo do que botaríamos man para ampliar información durante toda a xornada.
Na mesma rúa das Carballas comezamos a traballar falando do feísmo (algo bastante común na nosa comunidade) xa que tiñamos algunhas casas como exemplos. Pódese consultar a información recollida por La Voz de Galicia sobre o Foro reunido en Ourense en novembro de 2004 en https://www.lavozdegalicia.es/noticia/ourense/ourense/2004/11/20/planeamiento-urbano-insuficiente-acabar-feismo-galicia/0003_3224730.htm
Curiosamente, logo dunha desas casas, atopamos unha palmeira en perfecto estado, algo pouco frecuente debido á praga do picudo vermello, Rhynchophorus ferrugineus, que acaba con elas ao deixar as súas larvas no interior do tronco do que se alimentan. Na cidade temos exemplos de palmeiras que non tiveron a mesma sorte en lugares como as Burgas, o edificio do bispado ou mesmo nos xardíns do noso colexio.
Continuamos pola rúa das Carballas e non tardamos en atopar a primeira das especies invasoras que vimos polo camiño, a tintureira ou herba carmín, Phytolacca americana, unha das plantas con máis capacidade invasora das que hai en Galicia. Eduardo aproveitou para amosarnos cantos rodados dun dos socalcos aluviais do Miño (dos que voltaría a falar en Paramiños), e comentar a anécdota da exploración xeolóxica e as complicacións posteriores nas obras do tunel da alta velocidade, ao pasar baixo a aldea de Naves.
Desviámonos cara a esquerda subindo por unha verea. Aos poucos metros do desvío chegamos á parada 1, onde falamos dos tipos de camiños (verea, rodeira…), da formación dos carrabouxos ou bugallos e dos liques, moi empregados ambos na cidade como ornamentación na festa dos Maios. Como curiosidade, destacar que moitos empregamos a aplicacións Google Lens para tentar identificar as especies que íamos atopando. Puidemos tamén fotografar algunha que outra pegada de porco bravo, Sus scrofa.
Seguindo o camiño chegamos a un novo desvío onde atopamos un piñeiro con moita resina no seu tronco; aproveitamos enton para falar das utilidades deste (pegamentos, barniz, cosmética…) e do ámbar, unha rocha moi preciada que provén de resinas fosilizadas.
A media subida detivémonos a contemplar un gran bloque de granito ao que Eduardo denominou como “roca acastillada”, ou división en bloques do granito por mor de diaclasas producidas polo descenso da presión na saída á superficie das rochas. Explicounos que estes bloques sepáranse e van dando lugar a bolos segundo se erosionen as aristas por mor da humidade e da temperatura.
Máis adiante, na parada 2, abrimos varios carrabouxos para ver as larvas da vespa causante destas formacións (familia Cynipidae, xénero Andricus); mesmo atopamos unha na súa fase final, antes de saír do propio carrabouxo.
Tamén fotografamos distintas especies de fungos (entre eles o “peido de lobo”, Lycoperdon perlatum), asociados coa vexetación da contorna. Animámosvos a que visionedes o audiovisual “La internet del bosque”, emitido no programa de RTVE “El Escarabajo Verde” o 26 de xuño deste ano, que podedes ver na seguinte ligazón: https://www.rtve.es/alacarta/videos/el-escarabajo-verde/escarabajo-verde-internet-del-bosque/5538760/
Observamos distintas especies arbóreas coma érbedos, carballos… e tentamos identificalas coas claves dicotómicas. O caso do érbedo, Arbutus unedo, chamou moito a atención, porque no momento desta actividade pódense atopar froitos coincidindo coa floración. Na mesma parada, calculamos a idade dunha árbore afectada por un lóstrego medindo o seu diámetro.
A subida continuou e podiamos percibir como o solo ía cambiando a súa composición, pasando dun solo de sábrego a un solo de rochas graníticas, nas que puidemos atopar filóns de cuarzo, provocados pola filtración de magma por fendas na rocha. Os minerais deste magma cristalizaron moi rápido, dando lugar a estas formacións. Outro dato moi interesante é que o ouro e outros minerais pesados tamén quedan atrapados neste cuarzo; ao erosinarse as rochas o ouro chega ata o río Miño, e esta é unha das orixes do ouro atopado polos romanos neste (e noutros) ríos.
Antes de chegar ao mosteiro puidemos observar máis especies destacadas, como a xilbarbeira ou xibarda, Ruscus aculeatus, na que o talo semella as follas; e os fentos (Pteridofita). Tamén atopamos unha rocha que sufrira un proceso de episienitización (decuarcificación ou albitización, coloración avermellada das rochas por mor do seu contacto co ferro).
E chegamos ao mosteiro (parada 4), cheo de maleza e de difícil acceso, pero entretido de explorar. Velaquí algunhas fotos.
Trala saída do mosteiro chegamos á contorna da aldea de Naves, onde Eduardo nos explicou o por que da súa situación nun val (como a da maioría de pobos en Galicia). Esta é debido a que os vales son zonas sedimentarias con terras moi ricas e máis auga.
Collendo unha senda á esquerda achegámonos ao miradoiro de Paramiños (parada 5), desde o que tomamos fotos e aprendimos moito sobre a orixe das montañas galegas, grandes bloques a diferentes alturas formando vales e montañas (teclas). Tamén aprendimos o que é o perfil ideal dun río e de que depende a súa capacidade erosiva. Paseando polos arredores do miradoiro puidemos atopar diversas formacións xeolóxicas denominadas pías e taffonis, cavidades redondeadas na parte superior ou lateral da rocha.
Na contorna do miradoiro fixemos o xantar; ao remate deste, comezamos o descenso cara Untes. No primeiro tramo calculamos o grao de inclinación da pendente. Tratábase, durante todo o itinerario, de tentar facer un cálculo do gasto calórico estimado para a actividade, explicando o método para calculalo. En caso de dispoñer dalgún dispositivo de monitoraxe da actividade física (smartwatch, pulseira de actividade…), empregalo e comparar os resultados obtidos coa información que nos achegara o dispositivo. Se o dispositivo o permitira, analizar a curva da frecuencia cardíaca e comparala coa do perfil topográfico do itinerario ou co desnivel; así poderíamos ver como se adapta o noso corazón ao esforzo.
A medida que baixabamos atopamos máis e máis mimosas, Acacia dealbata, ata un punto no que nas beiras habitaba exclusivamente esta especie. Aproveitamos para falar delas, da súa gran capacidade invasiva e da asociación simbiótica con bacterias que permiten a fixación de nitróxeno atmosférico.
Nada máis chegar a Untes, ao remate do descenso de 3 km, puidemos observar un lavadoiro coa lámina de auga cuberta por lentellas de auga, Lemna minor, unha especie foránea e tamén invasora.
Pasando por un viaducto para salvar as vías do tren observamos a trincheira (corte que se lle fixo á montaña), as gabias e as mallas metálicas colocadas para evitar desprendementos.
Para chegar á senda do río salvamos as vías grazas a un paso por debaixo das mesmas.
Á beira do Miño continuamos a bo ritmo, parando só nalgúns puntos: atopamos un estipe de palmeira cortado e unha caseta/observatorio de aves que precisa algúns traballos de mantemento.
En Outariz (punto B no mapa) rematamos a actividade con fotos do grupo.
Unha xornada moi divertida que serviu para desconectar un pouco da abafante situación actual e para aprender moitas cousas novas e interesantes.