Durante o curso 2019-2020 o alumnado de Ensino Infantil e Ensino Primario (deseguido EI e EP) participou actívamente en distintas actividades relacionadas coa horta escolar. Este curso bautizamos este espazo como horta escolar Mamá Margarida, na honra de Margarita Occhiena, nai do fundador dos salesianos, Giovanni Melchiorre Bosco, máis coñecido como Xoán Bosco ou Don Bosco.
A finais de outubro o alumnado de EI habilitou nas súas aulas un espazo para amosar os diferentes froitos do outono. Chamáronlle rincón do outono.
A piques de rematar novembro, o alumnado de EI comezou, no invernadeiro da horta escolar, un viveiro de landras e castañas.
Co comezo do ano o alumnado de 4º de EP levou a cabo a posta a punto da horta escolar, arrincando herbas, renovando terra…
… facendo posible que, a finais de xaneiro, o alumnado de EI puidera sementar repolos, patacas, leitugas, allos, cenorias e cebolas.
No mes de febreiro o alumnado de EI participou nun desfile pola contorna do colexio, os nenos disfrazados de flores e os mestres de regadeiras e xardineiros.
Entre os últimos días de febreiro e os primeiros días de marzo o alumnado de EI visitou a horta escolar para ver como medraba o sementado no mes de xaneiro.
Estes últimos días, mentres o alumnado está a respectar o confinamento, moitas e moitos plantaron unha semente na súa casa (faba, lentella…).
Na seguinte ligazón podedes ver o vídeo da horta escolar Mamá Margarida mentres estamos no confinamento: https://www.youtube.com/watch?v=C2ljpvKYFk8