VI CONGRESO INTERNACIONAL DE EDUCACIÓN AMBIENTAL

Do 13 ó 16 de febreiro celebrouse en Alcalá de Henares o VI Congreso Internacional de Educación Ambiental, organizado pola Asociación Española de Educación Ambiental.

Os coordinadores do proxecto Naturezaula tivemos a oportunidade de asistir a este foro de comunicación e intercambio de experiencias.

O VI Congreso Internacional de Educación Ambiental tivo un formato de conferencias, mesas redondas, comunicacións orais, obradoiros e videoconferencias, sen descoidar as visitas guiadas e os tempos para o desfrute da cidade, Patrimonio da Humanidade.

Queremos amosar o noso agradecemento a AEEA (Asociación Española de Educación Ambiental) por convidarnos a presentar o noso proxecto e participar de xeito activo neste congreso; e ó concello de Alcalá de Henares e á universidade da mesma localidade, por acollernos e dar unha manchea de facilidades para o desenvolvemento desta actividade.

O congreso botou a andar o xoves 13 co acto inaugural e a conferencia de María Novo sobre “A educación ambiental en tempos de incerteza e cambio climático”, seguindo cunha mesa redonda sobre «Problemas ambientais do noso tempo» e as comunicacións orais e obradoiros.

Ese mesmo día pola tarde puidemos desfrutar dun itinerario cultural en Alcalá de Henares, organizado polo concello desta localidade de 200.000 habitantes, destacando a relación do franciscano Francisco Jiménez de Cisneros coa historia de Alcalá, na que o cardenal acometeu numerosas e grandes empresas e marcou de manera definitiva á cidade.

Alcalá de Henares é tamén a cidade na que, segundo os estudos do historiador Luis Astrana Marín, naceu Miguel de Cervantes Saavedra. Na localidade consérvase o documento de bautismo do escritor, do 9 de outubro de 1547, así como a casa familiar.

O venres foi o turno de Mario López Martínez, que presentou a conferencia «Resolvendo os conflitos ambientais ó través da non violencia».

Deseguido a mesa redonda «Experiencias en educación e medio ambiente» e as comunicacións orais da mañá.

Visitamos a capela de San Ildefonso, o recinto más antigo de todos os conservados na Universidade de Alcalá de Henares…

… e o lexendario Paraninfo, deslumbrante edificio onde se celebran importantes actos, como a entrega do Premio de Literatura en Lingua Castelá Miguel de Cervantes.

Pola tarde presentamos o noso proxecto, tentando transmitir as ideas na que se sustenta: sentir, aprender e actuar desde a educación ambiental, co sendeiro periurbano, a cidade e os itinerarios ambientais como referentes.

Rematamos a xornada con outras comunicacións orais.

«Cidades humanas e sustentables» foi o tema da mesa redonda do sábado, previa á conferencia de José Antonio Corraliza “Conciencia ecolóxica na infancia. Efectos do programa educativo Naturaliza na poboación escolarizada” e ás experiencias en «Arte e Educación Ambiental».

Na última xornada visitamos as Vegas do Jarama e do Henares, nun itinerario ambiental ofrecido polo concello de Alcalá de Henares.

Neste itinerario descubrimos, entre outras propostas do concello de Alcalá de Henares, as hortas urbanas e as actuacións nas vegas do río, integradas no programa Nature4cities.

Chamou a atención dos participantes o avanzado estado de floración da vexetación de ribeira, destacando os Prunus, as espadanas ou eneas do xénero Typha, e as distintas variedades de Betula.

O paseo rematou na cidade, no Antigo Hospital de Santa María a Rica, onde se celebrou a conferencia de clausura “Dimensións éticas do cambio climático”, por conta de Emilio Chuvieco Salinero.