Este afloramento á beira da ponte semella un auténtico caos. Hai unha variedade ampla de litoloxías en “capas finas de moi diferentes materiais”. Os mapas do IGME consideran que estos materiais son do parautóctono, concretamente do Grupo Nogueira. O parautóctono son materiais do Paleozoico Inferior transportados decenas de kilómetros, durante a oroxenia Varisca, mediante cabalgamentos sobre uns materiais moi semellantes e da mesma idade. O mapa de Marcos y Llana Fúnez considerao Grupo Nogueira do parautóctono, pero pon moi preto materiais do Grupo Paraño, tamén do parautóctono. Todo se complica coa presenza de granitoides. Para poder entender a xeoloxía deste punto pode que teñamos que esquecer as litoloxías e formacións e lembrar que había neste lugar hai millóns de anos. A xeoloxía non é descripción de materiais, senón a historia dun planeta. Como pode haber en tan pouco espazo tantos materiais diferentes? Están estos materiais correctamente datados? A mostras que se dataron son representativas? No Paleozoico este lugar era un mar pouco profundo preto dun continente. E millón de anos máis tarde todos estos materiais foron testemuñas dun choque de continentes (a oroxenia Varisca). Podería ser que estemos ante un depósito sinoroxénico do inicio da oroxenia Varisca? Sería unha explicación máis sinxela do que estamos a ver, pero falta moita investigación para poder afirmalo. O que sí podemos afirmar é que a presenza de liditas, rocha de extremada dureza, mármoles e cuarcitas, xeneran unha zona máis resistente á erosión do río Miño, que xerou un estreitamento no río, no que se asenta a ponte.