II ROTEIRO DIDÁCTICO POLOS MUSEOS DE BIODIVERSIDADE.

O martes 21 de xaneiro, 14 alumnas (5 de A e 9 de B) e 15 alumnos (3 de A e 12 de B) de Cultura Científica de 1º de Bacharelato, acompañados por dous docentes, participamos nun roteiro didáctico que nos levou a Ferrol, A Coruña e Santiago de Compostela, seguindo o rastro de varios museos de historia natural e dunha exposición temporal de temática ambiental.

O museo da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) foi o primeiro destino do día. Este museo, que se atopa no segundo andar do edificio, está distribuído nunha zona terrestre e outra marítima.

Durante a visita explicáronnos con detalle o laborioso proceso levado a cabo para conservar o esqueleto da balea común (Balaenoptera physalus) de 18 m. O corpo desta balea apareceu, sen vida, na praia de Niño do Corvo (Ponteceso) o 19 de marzo de 2004. Durante varias xornadas un equipo humano de máis de 50 persoas, voluntarias/os da Coordinadora para o Estudio dos Mamíferos Mariños (CEMMA) e da SGHN, e membros de Protección Civil do Concello de Ponteceso, levaron a cabo no propio lugar do varamento as biometrías, necropsia e despezamento.

Dous helicópteros trasladaron os restos ata o Porto de Santa Mariña de Brantuas, desde onde foron levados por estrada (coa axuda dun camión con pluma do Concello de Ponteceso) ata un monte cedido polo Concello de Ferrol, onde foron soterrados durante 26 meses. Pasado este tempo, a terra voltounos libres de boa parte da grasa e dos tecidos, pero aínda houbo que trasladalos ó museo, limpalos e custodialos ata a súa montaxe, recreando o momento en que a balea inicia a inmersión logo de coller aire.

Na zona marítima do museo hai outros esqueletos e maquetas de mamíferos mariños e tartarugas, e destacan as coleccións de cunchas (a conquilioloxía, do grego κογχύλιον, “cuncha pequena”, e -λογία, “tratado”, é a parte da malacoloxía ou estudio dos moluscos que se encarga do estudio científico das cunchas).

Tamén nos falaron de distintos produtos obtidos a partir da caza, tempo atrás, de mamíferos mariños.

No pasillo entre ambas zonas, o alumnado tivo a oportunidade de ver unha lura xigante (Architeuthis dux), capturada accidentalmente por un arrastreiro no “Caladoiro de Carrandi”, entre o canón submariño de Avilés e o de Lastres. Nesa zona do Cantábrico a bacaladilla (Micromesistius poutassou) é unha das presas habituais destes cefalópodos, que a súa vez serven de alimento ós cifios e ós cachalotes (Physeter macrocephalus).

Na zona terrestre do museo puidemos ver seccións vexetais de distintas árbores, mostras naturalizadas, niños de vespas… que nos aclararon bastantes dúbidas en relación a determinadas especies que non estamos afeitos a ver todos os días.

A segunda visita foi á exposición “O noso planeta”, na sede de Afundación, en A Coruña.

Esta exposición (un proxecto de Alastair Fothergill e Keith Scholey) é un chamamento á acción para fomentar a rexeneración da natureza desde hoxe mesmo, coa convicción de que non é demasiado tarde e de que esta tarefa é posible, ademáis de vital para os intereses da humanidade. Seguindo os pasos da serie que se pode ver en Netflix, percorremos selvas menguantes, a sobrexplotada alta mar, os polos que se derreten, pradeiras que se están a convertir en desertos… lamentando toda esta destrucción pero asombrándonos tamén polo moito que queda e pola capacidade da natureza para renovarse, adaptarse e evolucionar.

Logo de visitar as distintas salas participamos nun obradoiro consistente en deseñar unha campaña publicitaria, co obxectivo de chamar a atención sobre algún dos problemas ambientais presentados con anterioridade.

Pola tarde visitamos o museo da USC, situado no Parque de Vista Alegre.

A primeira sala que visitamos explicaba con detalle o ciclo da vespa asiática (Vespa velutina nigrithorax).

A continuación faláronnos de Biodiversidade, da orixe dos exemplares presentes no museo, do traslado da colección desde o edificio da Facultade de Química…

Recreación, no soto do edificio, do aspecto do museo na súa antiga ubicación, no Campus Sur da USC.

Aspecto do equipamento actual.

… e amosáronnos as principais seccións deste equipamento de investigación e educación ambiental…

… para rematar cun obradoiro de identificación de especies, no soto do edificio.

O Seminario de Ciencias Experimentais do centro, por medio do proxecto ambiental NaturezAula, organiza esta actividade complementaria da asignatura de Cultura Científica de 1º Bac, en colaboración coa SGHN, Afundación e a USC.