O día 13 de maio boa parte do alumnado de 3º ESO, acompañados por María Molina, Iván e Quique (docentes de Xeografía e Historia, Tecnoloxía, Bioloxía e Xeoloxía e EPVA), levou a cabo un roteiro didáctico ambiental polo concello de Parada de Sil. Os Seminarios de Ciencias Experimentais, Tecnoloxía e E.P.V.A. levan organizando esta actividade desde o ano 2012, e salvo na edición do 2016, o alumnado deste curso de ensino secundario obrigatorio tivo sempre a oportunidade de participar nesta xornada que combina á perfección natureza e patrimonio, axudando a descubrir os valores ambientais e culturais desta zona da provincia de Ourense.
A primeira parada, logo de algo máis dunha hora no transporte, foi na Fábrica da Luz, unha antiga instalación para a producción de enerxía eléctrica situada preto do límite dos concellos de Parada e A Teixeira. Por ese límite discurre o río Mao, labrando un portentoso canón fluvial, aproveitado polo concello para deseñar un sendeiro (o PR-G 177) e construir unha pasarela peonil de madeira desde a que se pode desfrutar dun entorno espectacular.
O alumnado estivo atento a información sobre a flora e a fauna dispoñible por todo o percorrido, presentada en paneis divulgativos didácticos ben integrados na contorna.
Ó chegar a Barxacova, moi preto da desembocadura do Mao no Sil, voltamos pola mesma pasarela, e unha vez nos buses trasladámonos a Parada de Sil, para continuar coas visitas.
No acceso ó miradoiro de Torgás (tamén coñecido como Balcóns de Madrid) paramos para ver o Pozo do Lobo, unha construcción doutra época que, xunto cos foxos do lobo, se empregaba para dar caza a estes animais antes da aparición das armas de lume.
A continuación achegámonos o miradoiro, no límite provincial, con vistas ó impoñente canón do Sil e á beira lucense do concello de Sober.
Antes do xantar, percorrimos un pequeno treito do sendeiro que, entre castiñeiros, Castanea sativa, e carballos, Quercus robur e Quercus pyrenaica, comunica o mirador coa vila de Parada.
Logo do xantar e do tempo de descanso dirixímonos ó Museo do Chocolate de Teimende, onde puidemos descubrir o traballo da familia Casares entre os anos 30 e os anos 80 do pasado século.
Máis tarde, visitamos o Mosteiro de Santa Cristina de Ribas do Sil, un dos enclaves singulares da Ribeira Sacra.
De volta a Parada, vistas e fotos no miradoiro de Castro antes de voltar a Ourense.
Este roteiro forma parte dun ciclo programado polo centro co obxectivo de que o alumnado de ESO e Bacharelato teña a oportunidade de descubrir os valores ambientais e patrimoniais da contorna. As visitas están distribuídas do seguinte xeito:
– 1º ESO Sendeiro Periurbano de Ourense – 1 xornada.
– 2º ESO Bosque de Ridimoas – 1 xornada.
– 3º ESO Parada de Sil – 1 xornada.
– 4º ESO Macizo Central Ourensán – 1 xornada.
– 1º BAC Parque Natural Invernadeiro – 4 xornadas.
– 2º BAC Asturias-León – 3 xornadas.
Con esta actividade poñemos fin as saídas programadas para o curso 2018-2019 polo Seminario de Ciencias Experimentais, en colaboración con outros Seminarios do centro e dentro do Programa de Educación Ambiental VOZ NATURA.