Maqueta topográfica con alumnado de 4º ESO.

O alumnado de Cultura Científica de 1º de Bacharelato do curso 2017-2018 deixou rematadas varias pezas da nosa maqueta topográfica, elaborada con cartón a partir de mapas con escala 1:10.000. Outras ficaron o curso sen darlle término, ocasión aproveitada polo alumnado de Bioloxía e Xeoloxía de 4º de ESO deste ano para traballar nas aulas durante este último trimestre.

Nos mapas topográficos un elemento do relevo, como unha montaña por exemplo, se ve cortada por hipotéticos planos paralelos, e represéntase sobre un plano a proxección das liñas de intersección entre os planos e o territorio. Esto da lugar a unha sucesión de curvas de nivel representadas na folla cartográfica correspondente. Se marcamos as curvas de nivel sobre láminas (no noso caso de cartón) e cortamos as liñas resultantes, superpoñendo cada lámina a outras anteriores, recuperamos o caracter tridimensional “agochado” cando se levou a cabo o mapa empregando a altimetría.

Este curso imos tentar rematar as pezas que se ven resaltadas no seguinte mapa. Para facer que a maqueta teña certa proxección vertical, e dado que empregamos láminas de cartón de 2 mm de grosor, estamos a cortar todas as curvas de nivel, de xeito que a escala horizontal será 1:10.000 e a vertical 1:5.000.

O alumnado organizouse nos seguintes grupos de traballo, de xeito que cada grupo «comparte» peza da maqueta con compañeiras/os do outro grupo/aula.

Presentación nas aulas de 4º A e 4ºB, o día 29 de abril, dos contidos e do traballo levado a cabo nos cursos anteriores.

Traballo na aula de 4ºA o 2 de maio.

Traballo na aula de 4ºB o 8 de maio.

No caso de rematar as pezas asignadas, quedarán dúas (A1 e B1) para completar este puzzle topográfico que representa ó concello de Ourense e parte dos concellos limítrofes.