PREMIOS VOZ NATURA

O 14 de xuño visitamos as instalacións de La Voz de Galicia en Arteixo para recoller o premio Galicia e o premio ó mellor blog da comunidade Voz Natura. O premio Galicia, dotado con 5.000 euros, conta co patrocinio da Consellería de Medio Ambiente; o premio ó mellor blog da comunidade Voz Natura (un iPad) está patrocinado por Coca-Cola.

A expedición, integrada por 16 alumnas e alumnos de 3º e 4º de Ensino Secundario, e catro alumnas e alumnos de 1º de Bacharelato, acompañados por tres docentes, representou ó centro no acto que se levou a cabo no Museo Santiago Rey Fernández-Latorre.

Nun ambiente distendido, os galardóns foron entregados ó alumnado de todos os centros premiados, acompañado polos seus educadores en todo momento. No noso caso, Alicia, Enrique e Marta foron os encargados de recoller o premio ó mellor blog da comunidade Voz Natura.

Máis tarde, Sara, Fabio e Quique recolleron o premio Galicia.

Logo da entrega de premios, os responsables do acto repartiron ós asistentes en distintos grupos para levar a cabo unha visita guiada polas instalacións de La Voz de Galicia. O noso grupo, guiado por Nazareth Díaz Castro, percorreu as instalacións na compaña dos representantes do Centro de Educación Especial Terra de Ferrol, gañadores do premio ó mellor vídeo do concurso de vídeos medioambientales de Voz Natura, ¡Así se cuida la naturaleza!

Tivemos ocasión de visitar a planta da redacción e observar de preto o traballo dos xornalistas e a xestión das novas en tempo real…

… atender as detalladas explicacións de Nazareth na zona de deseño e impresión…

… sorprendernos cunha manchea de curiosidades sobre as bobinas de papel e as rotativas…

… e desfrutar dun aperitivo e facernos unha foto coa mascota do evento antes de abandonar as instalacións.

Pola tarde, de volta a Ourense, desviámonos en Bandeira para visitar os miradoiros da fervenza do Toxa, afluente do Deza.

Foi unha xornada de convivencia moi completa, a guinda da nosa participación durante este curso no Programa de Educación Ambiental Voz Natura.