Roteiro Didáctico Ambiental de 4º ESO polo Sendeiro Periurbano de Ourense.

O Seminario de Ciencias Experimentais do centro, en colaboración co Seminario de Xeografía e Historia, o Seminario de Tecnoloxía e o Seminario de Educación Plástica e Visual, programa a comezo de cada curso unha serie de itinerarios de interpretación adaptados ós distintos niveis de Ensino Secundario. Nesta ocasión, 38 alumnas e alumnos de Bioloxía e Xeoloxía de 4º de ESO, acompañados por tres educadores, percorremos o escape noreste do sendeiro periurbano de Ourense en sentido antihorario, tal como indican as frechas vermellas no seguinte mapa.

O percorrido comezou cedo, ás 08:30 h do martes 30 de abril, ó carón da Ponte Vella, momento no que comentamos sobre a cartelería do sendeiro a proposta para ese día.

Logo de atravesar o casco urbano da cidade, ascendimos por San Francisco para facer unha parada a media subida e contemplar a panorámica da cidade. Os docentes do seminario de Ciencias Experimentais facilitaron ó alumnado unha unidade didáctica con propostas de actividades, repartidas polo percorrido.

Arredor das 10 h chegamos ó Parque Botánico de Montealegre, ó que accedimos polas escaleiras instaladas á beira do descargador da antiga canteira, un exemplo de recuperación de patrimonio industrial.

Corbal (coordinador das tarefas de mantemento do Parque Botánico de Montealegre) deunos a benvida e explicounos como é o día a día deste espazo, próximo ó centro histórico da cidade e descoñecido para boa parte da poboación.

No invernadeiro visitamos á exposición de plantas carnívoras…

… e continuamos a visita ó parque achegándonos ó miradoiro da cruz, facendo unha parada previa para que Corbal nos explicara a importancia da fauna no desenvolvemento do parque.

Tamén nos comentou unha manchea de curiosidades sobre moitas especies exóticas presentes no parque, así como características das especies autóctonas.

Pasamos polo miradoiro do Cuco…

… antes de plantar as frondosas do miniviveiro de 1º de ESO (ver entrada do 1 de decembro de 2018), que os docentes prepararan e trasladaran ó parque o día anterior.

Os operarios do Concello de Ourense, que xestiona toda a instalación, axudáronnos coas ferramentas e indicáronnos como plantar as árbores.

Ó remate, xeolocalizamos nos mapas as ubicacións das árbores plantadas, como parte da actividade proposta polos docentes para levar a cabo no parque.

Sobre as 12 h continuamos a marcha cara Ceboliño.

Logo de xantar e descansar da subida da mañá, comezamos o descenso ó Loña, rodeando a minicentral e o encoro de Castadón…

… camiñando por bosques propios doutras latitudes…

… para chegar ó Castro de Santomé.

Durante todo o percorrido os docentes foron comentando cuestións relacionadas co itinerario, como a abundancia de mimosas, Acacia dealbata, plantas exóticas invasoras; a xeomorfoloxía da comarca de Ourense, que se aprecia moi ben desde os miradoiros; os carrabouxos dos carballos, causados por vespiñas da familia Cynipidae; as diferenzas nas follas dos carballos, Quercus robur, e os cerquiños, Quercus pyrenaica; como a codia (corcho) das sobreiras, Quercus suber, tiña protexido ás árbores dos lumes; a presenza de especies propias da rexión mediterránea, como o érvedo, Arbutus unedo

Logo de descender polo Camiño Real continuamos polo sendeiro do Loña, atentos á posibilidade de avistar algún animal propio do ecosistema de ribeira, como as lontras, Lutra lutra, garzas, Ardea cinerea, alavancos, Anas platyrhynchos, martiño pescador, Alcedo atthis, odonatos, troitas…

O roteiro rematou preto das 17:15 h, e será unha das últimas actividades que o alumnado de 4º ESO incorporemos ós vídeos que estamos a preparar para presentar ó concurso do Programa de Educación Ambiental VOZ NATURA.