Visita á E.D.A.R. de Ourense co alumnado de 1º Bacharelato de Cultura Científica.

A tarde do luns 29 de abril, o alumnado de Cultura Científica de 1º de Bacharelato, acompañado polos docentes desta asignatura, tivo a oportunidade de visitar as instalacións da Estación Depuradora de Augas Residuais (E.D.A.R.) de Ourense, desprazándose ata a mesma en bus urbano e voltando ó centro no mesmo medio de transporte.

A visita formaba parte das actividades propostas por VIAQUA-Servizo Municipal de Augas para facilitar o acceso da cidadanía a esta infraestrutura, co obxectivo de concienciar á poboación sobre o consumo responsable da auga e as particulariedades da xestión sostible da mesma.

O itinerario didáctico comezou visitando o edificio de control.

Logo da proxección dun audiovisual, que explicaba o funcionamento da instalación, José Ángel, supervisor da mesma, explicounos o funcionamento das distintas partes da infraestrutura.

Ó rematar a explicación, levounos ó edificio de pretratamento, onde observamos de preto como se recepciona a auga que chega directamente da rede de saneamento da cidade.

Posteriormente, pasamos á zona de decantación lamelar…

… e á de tratamento terciario.

Para rematar a visita, pasamos polo edificio de proceso de fangos, dixestores e grupos de xestión da enerxía.

A visita durou unha hora e media, entre as 16:15 e as 17:45 h. A actividade foi organizada polos docentes do Seminario de Ciencias Experimentais en colaboración con VIAQUA-Servizo Municipal de Augas de Ourense, á que lle agradecemos poder visitar esta moderna instalación, na que está a innovar na xestión da auga incorporando procesos de última xeración.