O xoves desta semana o Doutor en Enxeñería de Montes Manuel Souto Herrero, membro do Grupo de Investigación Biodiversidade e Botánica Aplicada (BIOAPLIC), do Departamento de Botánica da Universidade de Santiago de Compostela, visitou o centro para facer unha presentación sobre a Dendrocronoloxía e amosar parte do seu traballo ó alumnado de Cultura Científica de 1º de Bacharelato.
O deseño da actividade, en coordinación cos docentes de Cultura Científica, contemplou a separación dos contidos en dous momentos e dous espazos ben definidos; para comezar, o poñente levou a cabo unha presentación dunha hora na Aula Magna do centro, na que fixo unha aproximación a esta disciplina, descoñecida para a meirande parte do alumnado.
Na mesma, faloulle ó alumnado de Andrew Ellicott Douglas (o pai da Dendrocronoloxía moderna), da información que gardan os aneis das árbores, da toma de mostras (mediante rodas ou con «cores», testemuñas obtidas co barreno de Pressler), como e que se pode medir nos aneis, como se elaboran cronoloxías, cal é a frecuencia das pragas, a recurrencia dos lumes forestais, información sobre as podas…
… Dendro-climatoloxía, Dendro-arqueoloxía (con exemplos de tarefas de investigación levadas a cabo en Novo México, Colorado, Lisboa, Lugo…) , tamén subacuática (datación de pecios) e de obras de arte e instrumentos musicais; incluso Dendrocronoloxía aplicada a peixes e moluscos.
Arredor das 13:40 deixamos a Aula Magna para trasladarnos a Aula Innova do centro, onde o alumnado tivo a oportunidade de manipular distintos obxectos relacionados co traballo do poñente, desde un barreno de Pressler ata distintos «cores» e seccións dun bo número de especies vexetais diferentes.
… así como escoitar a Manuel Souto comentando curiosidades e detalles das súas tarefas de investigación.
Os responsables do Seminario de Ciencias Experimentais do centro queremos aproveitar a ocasión para agradecer o bo facer e a sempre boa disposición de compañeiros como José Rodríguez Calviño (o señor Pepe, que hai pouco deixou de traballar para o centro ó chegar á merecida idade de xubilación) ou Juan Cao, que tanto teñen colaborado dándolle forma a moitas ideas que van xurdindo… nesta ocasión, con moitas das seccións vexetais amosadas nesta entrada que, ben seguro, despertaron a curiosidade no alumnado.