III Xornada ConCiencia

A xornada ConCiencia deste xoves tivo como protagonista a D. Luis M. Botana, Profesor da Facultade de Veterinaria da USC no Campus de Lugo. Na súa charla, cun relato ameno e pragado de interesantes anécdotas, achegounos ás orixes dos medicamentos ó longo da historia, cun meticuloso seguemento das aportacións científicas e da evolución dos mesmos, ligada á cultura e ó avance do coñecemento e da tecnoloxía.

O poñente captou a atención do alumnado de Cultura Científica destacando temas como a extinción de especies na procura de substancias que a ciencia ten demostrado que carecen de propiedades curativas; a elaboración da Tríaca durante case dous mil anos; a importancia estratéxica dalgúns enclaves durante a guerra, pola súa importancia para garantir a provisión de determinadas medicinas; medicamentos obtidos a partir de velenos extraidos de plantas ou animais; os alcaloides da faba de Calabar e o «xuizo de Deus» en Nixeria; a relación necesaria entre a industria moderna da cor e a obtención de medicamentos…

O docente non quiso rematar a súa exposición sen facer referencia á situación actual dos medicamentos, en particular o que fai referencia ós antibióticos.

Os responsables do Seminario de Ciencias Experimentais do centro queremos agradecer ó Profesor D. Luis M. Botana a súa participación nas xornadas ConCiencia en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela grazas ó Programa «A Ponte entre o Ensino Medio e a USC».