Na primeira entrada deste curso, do 24 de outubro de 2018, os protagonistas foron as máis cativas e os máis cativos do centro. A entrada que nos ocupa é para amosarvos que desde entón o alumnado de Ensino Infantil e o de Ensino Primario seguiu a participar actívamente en actividades vencelladas coa horta escolar. A continuación amosamos algunhas delas:
PRANTAMOS PARA RECOLLER.
Brécol, coliflor, repolo e porros foron os protagonistas da nosa horta escolar…
… e aproveitamos para recoller as patacas que tiñamos sementadas.
VIVEIRO NO INVERNADEIRO.
Todo o alumnado de Infantil e Primaria visitou e participou no viveiro de landras e castañas que estamos a facer entre todas e todos no invernadeiro que temos na horta escolar.
O XINETE DAS ÁRBORES.
As nenas e os nenos de 1º de Ensino Primario e todo o Ensino Infantil disfrutaron do contacontos “O xinete das árbores”; con el aprenderon a valorar os bosques, a mitoloxía galega e como alimentarse de xeito saudable. Esta actividade contou coa colaboración da Concellería de Educación do Concello de Ourense.
AMBIENTADOR CÍTRICO.
O alumnado de 5º de Infantil prantou pebidas cítricas en vasos de iogures que trouxeron da casa. Primeiro botaron terra nos vasos; logo puxeron as pebidas e, para rematar, botaron máis terra por riba. Taparon todo con papel durante 15 días (debe estar húmido e onde lle dea a luz). Pasado este tempo recolleron os ambientadores.
Moi ben por todas e todos, a seguir aprendendo da natureza !!!