Roteiro didáctico ambiental polo Macizo Central da provincia de Ourense, con visita a varias árbores senlleiras.

O pasado martes, 16 alumnas e 18 alumnos da asignatura de Bioloxía e Xeoloxía de 4º ESO, acompañados por dous profesores da asignatura, participaron da actividade proposta polo Seminario de Ciencias Experimentais, visitando varios puntos de interese do Macizo Central da provincia de Ourense.

Sara e Pablo, de 4ºA, e Fabio e Alicia, de 4ºB, queren compartir con todos vos a súa vivencia desa xornada.

SARA.

Boas, chámome Sara e vouvos contar a miña experiencia na saída de Bioloxía e Xeoloxía do pasado martes, 13 de novembro. Despois dunhas horas en bus e unha parada para observar a paisaxe recuberta por una capiña de néboa…

… chegamos á “ruta de A Fraga”, onde comezaría a nosa aventura como “biólogos”. Ao longo de todo o percorrido tivemos que utilizar as nosas dotes detectivescas para conseguir completar as actividades propostas polo docente.

Resolvendo os diferentes exercicios puidemos experimentar os contidos impartidos na aula e tamén aprender outras cousas novas. A min encantoume estar en contacto coa natureza, e poder observar e coller mostras de todo o explicado.

A pesar da camiñata, gustaríame poder ter máis saídas así!

PABLO

Vouvos contar a miña experiencia da saída didáctica de Bioloxía e Xeoloxía polo Macizo Central Ourensano. En primeiro lugar o autocar deixounos no alto do Rodicio onde explicáronnos que era o resultado de dous bloques de falla que se desprazaron; en verdade isto pareceume interesante posto que atopamos rochas que no pasado eran sedimentos de area dunha praia que ía desde Polonia ata Galicia e acabaron nun alto e colocados verticalmente.

Durante o camiño pola ruta da Fraga a verdade é que o único inconvinte foi que se fixo moi lento e que tiña fame, pero iso é o de menos. As paradas estaban ben situadas e eran divertidas de facer.

O que máis me impresionou de toda a saída foi o castiñeiro de Pumbariños, que é enorme, e fan falla trece persoas para rodealo.

Eu non sabía de onde saía o corcho; extráese do Quercus suber ou sobreira, alcornoque…

En resumo foi unha saída moi divertida coa que aprendín bastantes cousas.

FABIO

Cóntovos en que consistiu a actividade do pasado martes. Pola mañá, de camiño á Fraga do Navea e aproveitando que había néboa, paramos nun punto alto da montaña para poder observar o fenómeno atmosférico da inversión térmica, que xera o «mar de néboa».

A continuación seguimos en bus ata Mouruás, onde comezamos a camiñar. O primeiro que vimos foron os carteis indicadores de lugar turístico para ver a natureza.

No camiño fixemos diferentes paradas: para facer unha estimación da idade dunha árbore, empregando fórmulas…

… contar a cantidade de aneis dun tronco cortado…

… distinguir especies de seres vivos presentes na fraga…

… saber se había animais…

… descubrir como poden vivir as árbores sen madeira no seu interior; ver porque lle cortan as pólas ás árbores…

Logo do xantar tivemos a oportunidade de ver varias árbores excepcionais.

ALICIA.

O pasado martes, 13 de novembro, o alumnado da clase de Bioloxía e Xeoloxía de 4º ESO participamos nunha actividade complementaria de dita asignatura en San Xoán de Río para levar a cabo un interesante roteiro polo Macizo Central Ourensano, visitando ademáis varias árbores senlleiras. Seguindo a unidade didáctica proporcionada polos docentes fixemos dez paradas que nos mostraban distintos aspectos da flora do lugar.

Persoalmente a actividade que máis disfrutei do camiño foi a parada 9, na cal fomos a ver o castiñeiro de Pumbariños e o cerquiño do Pazo da Pena. Nesta parada visitamos unha árbore senlleira milenaria, e precisamos de trece persoas para rodeala.

Logo diso fixemos un pequeno xogo no cal tiñamos que descubrir cal era o troco máis grande de tres das árbores que compoñen o souto de Rozavales.

Máis tarde os docentes amosáronnos como curiosidade que podíamos medir a altura dunha árbore aproveitando a súa sombra.

No Pazo da Pena, en Rozavales, puidemos visitar un dos cerquiños (Quercus pyrenaica) máis altos de Galicia.

Outra das miñas actividades favoritas foi a parada 3, na que nos ensinaron a determinar a idade das árbores de forma moi sinxela.

Deste interesante camiño tamén levei uns recordos á miña casa, como un anaco de cuarcita e outro de pizarra que atopamos durante o camiño. Sen dúbida algunha repetiría a experiencia!!!