I Xornada ConCiencia

O Seminario de Ciencias Experimentais presenta a I Xornada ConCiencia, unha actividade divulgativa para o alumnado de 1º de Bacharelato do centro, que nesta ocasión tivo a oportunidade de escoitar ó Dr. Luis González Rodríguez, profesor de Bioloxía Vexetal da Universidade de Vigo, nunha conferencia sobre as plantas exóticas invasoras e a relación cos lumes forestais.

Vaia entrada, non sí? Pois o poñente non escatimou recursos, e cunha sólida base científica, adicou as últimas horas da mañá do xoves 29 a aclarar moitas cuestións sobre a realidade dos lumes en Galicia, a xestión das propiedades forestais e a expansión das plantas exóticas invasoras.

A presentación do poñente correu a cargo de Gustavo Monroy, profesor de Cultura Científica de 1º de Bacharelato.

O poñente fixo tamén referencia a multiples titulares en prensa sobre estos temas, tentando que o alumnado apreciara os contidos da súa exposición como unha realidade que xera preocupación na sociedade.

Un dos aspectos que máis chamou a atención do alumnado foi a diferenciación de especies de plantas nativas, exóticas e invasoras. Para introducir este tema, o poñente presentou o Atlas das plantas alóctonas invasoras de España e o Catálogo español de especies exóticas invasoras.

Antes de rematar a actividade, o profesor universitario atendeu a todas as cuestións que lle quixeron facer os estudantes.

Queremos agradecer a colaboración do Departamento de Bioloxía Vexetal da Universidade de Vigo, e en particular ó Dr. Luis González Rodríguez, a súa colaboración co noso proxecto desde o ano 2013. Agardamos poder seguir contando co seu bo facer.