O pasado luns o alumnado de 1º ESO (do curso B e a metade do curso C) tivo a oportunidade de percorrer o sendeiro periurbano en sentido horario desde o colexio ata Santa Mariña do Monte, acompañados por Maika e Gustavo, docentes de Xeografía e Historia ela e Bioloxía e Xeoloxía el, nese nivel educativo. Entre os obxectivos da actividade, programada para levarse a cabo entre as 09 h e as 17 h, destacaban o descubrimento deste sendeiro por parte do alumnado, así como o achegamento ós valores patrimoniais e ambientais do percorrido.
O inicio da andaina o alumnado prestou atención ás explicacións que os educadores fixeron diante do cartel informativo ubicado á beira da Ponte Vella, froito do traballo das compañeiras e dos compañeiros de bacharelato de hai varios cursos, o que lle valeu ó proxecto presentado polo colexio o premio provincial voz natura 2014 (para máis información, ver a entrada do blog do 22 de abril dese ano).
Ó carón da Ponte Vella, o alumnado levou a cabo unha actividade de interpretación do patrimonio; logo, as mozas e os mozos descubriron a vexetación presente na ribeira do Miño (salgueiros, amieiros, bidos…).
No cauce do Loña fixeron outra parada de interpretación para consolidar contidos sobre a vexetación predominante e poder analizar a estrutura do muíño (en estado ruinoso) presente á beira da Ponte Loña.
Nesta ponte medieval levaron a cabo outra actividade de interpretación do patrimonio.
No percorrido pola senda do río Loña (entre a Ponte Loña e Mende) observaron a vexetación de ribeira e se decataron da presenza de árbores típicamente mediterráneas, como as sobreiras, Quercus suber, e os érbedos, Arbutus unedo, outro valor engadido do sendeiro. Desfrutando do bosque en galería chegaron a Mende, onde fixeron un breve descanso para coller forzas antes de ascender polo camiño real.
No camiño real atoparon moitas mimosas, Acacia dealbata, que están a invadir todo esta parte do val do Loña.
No miradoiro de Santomé desfrutaron das impresionantes vistas da cidade e da hoya ourensana, ampliando os seus coñecementos sobra a cidade na que residen e a súa contorna. Tamén descubriron os sons da natureza durante unha actividade de interioridade.
No Castro de Santomé aprenderon cousas sobre a nosa historia, e puideron valorar as xestións de conservación do noso patrimonio, sen deixar de camiñar entre érvedos, sobreiras, carballos, Quercus robur, e cerquiños, Quercus pyrenaica.
As copiosas choivas do pasado mes en combinación co ascenso das temperaturas das últimas semanas, fixeron posible o crecemento explosivo da vexetación arbustiva, dándolle ó bosque unha apariencia de conto de fadas. Nalgunhas zonas, o sendeiro estaba totalmente invadido pola vexetación, e as árbores caídas dificultaban o paso do alumnado. Lonxe de pasalo mal, as mozas e os mozos desfrutaron enormemente da experiencia de camiñar por espazos tan diferentes dos que nos teñen afeitos as rutinas urbanas.
Na vila rural de Ceboliño fixeron un descanso e aproveitaron para xantar.
Pola tarde continuaron camiñando ata Montealegre, deixando ceboliño pola rúa da Cal. Na intersección coa estrada que leva á urbanización do veciño Pereiro de Aguiar atoparon, destrozado polos vándalos, un dos carteis informativos elaborados polo alumnado de bacharelato. Outra lección que interiorizar: respeto e sensibilidade pola natureza e respeto polas cousas de todos.
No último treito ascendente para chegar a penichaira percibiron os efectos dos repetidos lumes forestais na zona, así como a erosión da superficie e a dificultade das formas de vida para recuperar o ecosistema nunha sucesión ecolóxica lenta e interrumpida en distintos momentos da última década.
Por este motivo, entre outros, o noso proxecto tenta colaborar coa plantación selectiva de especies vexetais frondosas (carballos, castiñeiros, pradairos e sobreiras…), para tentar acelerar o proceso de recuperación do ecosistema. As plantiñas son o resultado do miniviveiro no que este mesmo alumnado ven de participar desde outubro de 2017 (para máis información, ver as entradas do blog desde o 20 de novembro de 2015).
Nesta ocasión o espazo escollido atópase na penichaira de Montealegre, nunha zona abrigada na que a vexetación vai gañando terreo á desfeita provocada polos lumes forestais.
Os docentes amosaron o emprego das ferramentas e algunhas cuestións básicas sobre a plantación. Deseguido, o alumnado, moi motivado, comezou a plantar os arboliños que veron nacer no colexio.
Para rematar a xornada, o grupo continuou camiñando ata Santa Mariña do Monte, desde onde se trasladou ó centro de Ourense en bus urbano. Este é outro dos valores deste sendeiro, a posibilidade de facelo por treitos dada a boa conexión co transporte público desde distintos puntos do mesmo.
A actividade, que foi organizada polo Seminario de Xeografía e Historia e polo Seminario de Ciencias Experimentais do centro, terá continuidade na xornada do luns 21, cando o alumnado de 1ºA e a outra metade do 1ºC teñan oportunidade de seguir os pasos das compañeiras e dos compañeiros que protagonizan esta entrada.