Os docentes tamén fan o periurbano.

O pasado martes, un grupo de compañeiras e compañeiros do Seminario de Ciencias Experimentais e do Seminario de Xeografía e Historia, acompañados polo xeólogo Eduardo José González Clavijo, percorrimos o seguinte tramo do sendeiro periurbano de Ourense…

… co obxectivo de desfrutar do itinerario e dunha tarde de convivencia. Varias/os dos participantes fixeron este percorrido por primeira vez e, entre todas/os, aproveitamos para destacar algúns dos recursos etnográficos e ambientais presentes no mesmo.

Comezamos o percorrido a pé ó remate da senda do Loña, á beira do C.P.I. Plurilingüe José García, en Mende, logo de rematar as clase da mañá. Ascendimos polo Camiño Real ata Santomé, e no castro fixemos un descanso e compartimos uns bocatas e algunha peza de froita.

A continuación descendimos ata o río Loña e, de seguido, subimos ata a vila de ceboliño, onde fixemos outro descanso no centro social.

Polo Camiño da Cal deixamos Ceboliño para acceder á estrada que comunica Ourense coa urbanización de Pereiro de Aguiar. Á beira desa estrada está o desvío para retomar o Camiño Real, con Santa Mariña do Monte como destino e remate da xornada.

Todas as anotacións, fotografías, curiosidades, anécdotas… serán de utilidade cando o profesorado prepare as fichas que permitirán que o alumnado de 1º e 4º ESO acade unha mellor comprensión dos valores do noso entorno no momento de descubrir este roteiro, antes de rematar o presente curso.