Roteiro Didáctico Ambiental polo Macizo Central Ourensán

14 alumnas e alumnos de 4ºB de ESO e 2 compañeiros de 4º A de ESO, acompañados por un docente, participaron o luns 20 de novembro no I Roteiro Didáctico Ambiental polo Macizo Central da provincia de Ourense.

Ben abrigados para aturar as baixas temperaturas da mañá, saimos do centro ás 08:30 h, con intención de chegar a Fraga de San Xoán de Río e comezar a andar ás 10 h.

Ó chegar a Mouruás cada alumna/o recibiu unha unidade didáctica levada a cabo polos docentes de Bioloxía e Xeoloxía de 4º de ESO, con oito paradas de interpretación no percorrido a pé pola Fraga de Navea, con inicio onde deixamos o transporte e remate preto da localidade de San Miguel.

Esta unidade didáctica está deseñada de xeito que os participantes poidan orientarse e sigan o percorrido ó tempo que van levando a cabo actividades de educación ambiental, como pode apreciarse nas imaxes que se amosan a continuación.

Empregando claves dicotómicas identificamos distintas especies de árbores (pradairo, castiñeiro, cerquiño…); fixemos estimacións da súa idade; aprendimos unha manchea de cousas sobre elas… e sobre todo, desfrutamos dun dos mellores soutos da provincia.

No mirador da Fraga de Navea puidemos defrutar da paisaxe mentres Guillermo facía unha demostración co seu VANT (Vehículo Aéreo Non Tripulado), facendo capturas de video para, no que queda de curso, poder levar a cabo unha montaxe audiovisual das nosas actividades.

No percorrido tamén houbo tempo para fotografiarse con castiñeiros centenarios…

… e descubrir que os carrabouxos son a resposta dos carballos ó parasistismo das larvas de Andricus kollari, unha vespiña da Familia Cynipidae.

Na parte final do percorrido, ademáis de seguir coas actividades previstas na unidade didáctica, atopamos algún rastro de fauna, que puidemos identificar grazas ós recursos bibliográficos do Seminario de Ciencias Experimentais do centro. E Guillermo fixo máis probas co VANT, ante a curiosa mirada dos seus compañeiros.

Pola tarde visitamos o castiñeiro de Pumbariños, no souto de Rozavales. Esta impresionante árbore, incluída no catálogo galego de árbores senlleiras polo Decreto 67/2007 de 22 de marzo, é o exemplar desta especie de maior circunferencia de Galicia, con case 14 m e máis de 1.000 anos de idade.

Para poder rodeala, tivemos que xuntarnos todos os que participabamos da visita.

Para rematar a xornada, visitamos Castro Caldelas, desfrutando dos interesantes contidos que atopamos no interior do castelo…

… e das espectaculares paisaxes desde as torres e o adarve dos seus muros.

Antes de voltar ó centro, seguindo o horario previsto, unha última parada no miradoiro do Rodicio, para comprender mellor os procesos tectónicos responsables da formación da depresión de Maceda.

Esta actividade forma parte do ciclo de roteiros propostos polo Seminario de Ciencias Experimentais, co obxectivo de que todo o alumnado de ESO e Bacharelato teña a oportunidade de participar en distintas actividades fóra do centro e dentro do Programa Voz Natura.