Ó comezo desta semana o alumnado de Cultura Científica de 1º de Bacharelato tivo a oportunidade de participar no VII Roteiro Didáctico Ambiental polo Parque Natural O Invernadeiro. 9 mozas e 6 mozos, acompañados por tres docentes, un membro do PAS e un monitor de Sustinea, conviviron e aprenderon neste espazo natural do luns 23 ó xoves 26.
As actividades comezaron coa visita ó CEA (Centro de Educación Ambiental) O Rexo, en Allariz, onde Carlos amosounos as instalacións e explicou as actividades que levan a cabo.
Ó carón da aula paramos á beira da charca do proxecto de preservación integral do fento acuático Marsilea quadrifoila, que no 2016 convertiu a Allariz no primeiro concello de España en formar parte do «Colectivo de Concellos pola Conservación do Patrimonio Xenético».
Visitamos a granxa de ovellas e a queixería, e, antes de marchar, probamos o queixo de O Rexo.
Preto da hora do xantar chegamos as casas da Ribeira Pequena, a entrada ó Parque Natural O Invernadeiro. Recibíronnos dous gardas, Paco e Ricardo. E Jacobo Rosselló Boullosa (o monitor da Asociación Sustinea, que en colaboración co Servizo de Conservación da Natureza de Ourense se encarga da xestión das visitas), amosounos a maqueta do Parque Natural e comentou brevemente en que consistía a primeira das rutas que íamos levar a cabo.
Logo de repoñer forzas, comezamos a Ruta da Aceveda, que percorre a parte norte do val do Ribeira Pequena. Trátase dunha ruta circular que levounos algo máis de 3 horas, con paisaxes espectaculares e outras sorpresas.
Preto do punto máis alto da ruta, aproximadamente na metade do percorrido, fixemos un descanso no Refuxio de Birlauto, e seguimos a desfrutar da impresionante paisaxe.
No percorrido de volta, atopamos insectos e indicios da fauna vertebrada presente no Parque Natural.
A xornada do primeiro día rematou co traslado no microbus ata as instalacións da Aula da Natureza, na Ribeira Grande.
O martes 24 pola mañá, logo dun confortable descanso baixo un ceo estrelado e lonxe dos ruidos dos entornos urbanos, fixemos a Ruta da Auga.
Moi preto da Aula de Natureza atopamos indicios de fauna…
… e Jacobo amosounos como funciona unha cámara de fototrampeo.
A preocupante seca fai que o nivel do encoro se atope en mínimos históricos, como pode apreciarse na seguinte comparativa: á esquerda, o encoro por estas datas no ano 2016; á dereita, o día da nosa visita este ano.
Aproveitando esta circunstancia, achegámonos ata zonas que normalmente están cubertas pola auga, na procura de pegadas, atopando unha enorme variedade…
… o que nos permitiu facer algúns moldes en negativo con xeso.
Todos estes elementos foron incorporados durante a nosa estancia a unha exposición, acompañada de material presente na Aula de Natureza e material de consulta aportado polo centro educativo, do fondo bibliográfico do Departamento de Ciencias.
De volta no albergue tocaba repoñer forzas para, pola tarde, seguir descubrindo paraxes e rincóns do Parque Natural…
… sen descoidar as tarefas que cada grupo tiña encomendadas para o bo funcionamento da actividade.
Pola tarde, Jacobo amosounos como construir trampas para captar pegadas de pequenos mamíferos, normalmente moi esquivos e difíciles de ver.
Instalamos estas trampas no primeiro tramo da Ruta da Corga, recentemente posta en valor polos responsables do Parque Natural.
A ruta ascende pola parte final da Corga da Ortiga, para levarnos de volta por unha levada de auga ata o depósito de suministro da Aula da Natureza.
De volta, pasamos á beira dos paneis fotovoltaicos que garanten o suministro eléctrico da Aula da Natureza.
Pola noite, logo da cea, Jacobo amosounos unha presentación sobre pegadas e sinais identificativos de fauna na natureza.
Durante a presentación, recibimos a «visita» dun dos protagonistas do Parque Natural.
O mércores 25 pola mañá levamos a cabo a ruta máis longa da nosa estancia, arredor dunhas cinco horas, para adentrarnos na zona de Protección Especial e chegar ata o Roncín, nos límites da zona de Reserva Integral.
Todo o percorrido permite contemplar unhas paisaxes espectaculares. E, se hai fortuna, observar fauna en estado salvaxe, valéndonos dos prismáticos e dos teleobxectivos.
Tamén tivemos oportunidade de observar agallas de distintas especies de insectos sobre os carballos, así como rastros de fauna.
Ó chegar ó límite da Reserva Integral, recuperamos forzas e voltamos ó albergue.
Pola tarde, unha ruta máis cómoda: visita ó Campamento de Carboeiros de Sangubiñedas e ó Centro Ictioxénixo.
Nesta ruta o alumnado tivo a oportunidade de consultar os paneis informativos das especies vexetais máis representativas do Parque Natural.
A diferenza doutros anos, a presenza de cogomelos era testimonial.
Cruzamos o río Ribeira Grande para acceder ó Centro Ictioxénico.
O xoves 26, logo do almorzo, recollimos e marchamos da Aula da Natureza.
Cando chegamos ás casas da Ribeira Pequena, fixemos unha parada para ver as instalacións, noutro tempo adicadas a acoller ós traballadores de Maderera Española, que agora serven de exposición informativa sobre a fauna do parque.
Tamén visitamos a antiga cantina-economato, restaurado para amosar as duras condicións de traballo ás que se enfrontaban os traballadores de Maderera Española, que non podían permitirse sair do monte entre quenda e quenda para comprar ou facer vida, polo que estamos a falar de auténticos núcleos de poboación aillados por motivos profesionais… e desto non hai máis de 50 anos atrás.
Para rematar a actividade, unha última ruta, a dos Cercados. Costa pronunciada, con varios miradoiros nos que tentamos ver, da outra beira da montaña, cervos e cabras. Tamén íamos atentos ós posibles rastros, algúns moi preto das casa da Ribeira Pequena.
Logo desta experiencia, voltamos a Ourense. Esta actividade forma parte das propostas do Seminario de Ciencias Experimentais, dentro do programa Voz Natura e coa colaboración do Servizo de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia en Ourense.