O último día de marzo, o alumnado de 1ºB de ESO, acompañado por alumnos de 3ºB e dous docentes, levou a cabo un roteiro didáctico ambiental polo tramo noreste do sendeiro periurbano de Ourense. A actividade, deseñada para que o alumnado máis novo de ESO tivera a oportunidade de desfrutar deste recurso, permitiu tamén acadar outros obxectivos do Proxecto do CPR Plurilingüe María Auxiliadora de Ourense, como son os que seguen:
- Sensibilizar ó alumnado na conservación e coidado das contornas fluviais, en particular dos ríos próximos ó noso centro.
- Achegar o ámbito rural ás nenas e nenos de ambientes urbanos.
- Identificar especies botánicas exóticas invasoras no entorno do sendeiro periurbano e nas beiras dos ríos próximos ó mesmo, valorando a importancia dos efectos destes seres vivos nos ecosistemas e as posibles actuacións sobre os mesmos.
- Recoller sementes de árbores autóctonas durante o outono, e sementalas e plantalas como ferramenta para coidar da biodiversidade dos nosos ecosistemas, tentando dese xeito limitar o crecemento de masas de especies botánicas exóticas invasoras.
Fixemos a primeira parada no cartel informativo situado á beira da Ponte Vella.
Coa axuda do cartel, o alumnado obtivo información sobre o tramo que ían realizar, a sinalización do mesmo, os centros de interese que podían atopar… e se decataron de que foran os seus compañeiros de bacharelato de hai varios cursos os que participaron de xeito activo na posta en valor do sendeiro, colaborando co Concello de Ourense na elaboración deste cartel e dos que se poden consultar en Ceboliño e no Montealegre.
Continuamos a andaina pola beira sur do Miño, en dirección á desembocadura do Loña. Polo camiño fixemos varias paradas para desfrutar do estado primaveiral de moitas plantas presentes na contorna.
Tamén descubrimos a farmacia da natureza, decatándonos de que nas beiras do sendeiro existen plantas que, de xeito tradicional, se veñen empregando para tratar distintas doenzas. É o caso da celidonia (Chelidonium majus), da que se emprega a savia da planta fresca como remedio tradicional para callos e verrugas.
Logo chegamos á ponte medieval do Loña, citada xa en documentos do século XII, aínda que é posible que estivera presente xa na época romana (de madeira ou de pedra) para dar acceso ás termas de Mende ou á vila agrícola galaico-romana de Santomé. Consérvase á súa fábrica medieval dun único arco, consolidada en 1969 e restaurada en 1988.
Continuamos pola senda do Loña, que percorre a beira sur do río ata as inmediacións do C.P.I. José García, en Mende.
Como lembra a letra do allegro de Vivaldi «…esperta a primaveira, escóitase o cantar dos paxaros, o murmullo das fontes, a tormenta…»
Á beira do C.P.I. José García collemos o sendeiro que ascende ata empatar co Camiño Real, documentado xa no ano 1153. O camiño, salva unha dura pendente, e conserva o empedrado de grandes bloques de granito e altos muros que o separan dos campos que o bordean.
Para facer máis levadeira a subida, fixemos varias paradas de interpretación, nas que observamos as especies vexetais adaptadas á climatoloxía mediterránea característica desta cara do val, como é o caso das aciñeiras (Quercus ilex), os érbedos (Arbutus unedo) e as sobreiras (Quercus suber). Tamén puidemos comprobar o avance de plantas exóticas invasoras, como Acacia delabata.
Ó chegar ó castro fixemos un descanso antes de plantar os carballos coidados durante meses no miniviveiro do centro. O alumnado tivo unha perspectiva diferente da cidade e a súa contorna grazas a información da cartelería instalada polo Concello de Ourense no miradoiro de Santomé.
Na cara sur do castro desfrutamos das espectaculares vistas ó canón do Loña e observamos as marmitas de xigante, formacións xeodinámicas do propio río. Nas proximidades do castro levamos a cabo a plantación dos carballos (Quercus robur) resultado do miniviveiro.
Un vez plantados todos os carballos, descendimos polo sendeiro atravesando varias masas de Acacia dealbata, en dirección á central de Castadón. Xa na beira sur do Loña, ascendimos por un camiño pavimentado ata a vila de Ceboliño. Na marquesina da parte baixa da vila agardamos polo bus urbano, que nos trasladou ó centro de Ourense.
A actividade foi organizada polos docentes do equipo Voz Natura en colaboración co Seminario de Ciencias Experimentais do centro.