O 2 de abril, martes, 37 alumnas/os de Cultura Científica de 1º de Bacharelato, acompañadas/os por dous docentes, participamos nun roteiro didáctico que nos levou a Ferrol, A Coruña e Santiago de Compostela, seguindo o rastro de varios museos de historia natural e dun dos acuarios de referencia do norte da península. O museo da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) foi o primeiro destino do día. María e Berta déronnos a benvida, e inmediatamente Berta pasounos ó segundo andar deste edificio (antigo aloxamento dun coronel), onde se atopa o museo, distribuído nunha zona terrestre e outra marítima.
No pasillo entre ambas zonas, o alumnado tivo a oportunidade de ver unha lura xigante (Architeuthis dux), capturada accidentalmente por un arrastreiro no «Caladoiro de Carrandi», entre o canón submariño de Avilés e o de Lastres. Nesa zona do Cantábrico a bacaladilla (Micromesistius poutassou) é unha das presas habituais destes cefalópodos, que a súa vez serven de alimento ós cifios e ós cachalotes (Physeter macrocephalus).
Na zona marítima do museo destacan os esqueletos e as maquetas dos mamíferos mariños e as tartarugas, así como as coleccións de cunchas (a conquilioloxía, do grego κογχύλιον, «conchita» e -λογία, «tratado», é a parte da malacoloxía ou estudio dos moluscos que se encarga do estudio científico das cunchas).
Berta explicounos con detalle o laborioso proceso levado a cabo para conservar o esqueleto da balea común (Balaenoptera physalus) de 18 m. O corpo desta balea apareceu, sen vida, na praia de Niño do Corvo (Ponteceso) o 19 de marzo de 2004. Durante varias xornadas un equipo humano de máis de 50 persoas, voluntarias/os da Coordinadora para o Estudio dos Mamíferos Mariños (CEMMA) e da SGHN, e membros de Protección Civil do Concello de Ponteceso, levaron a cabo no propio lugar do varamento as biometrías, necropsia e despezamento.
Dous helicópteros trasladaron os restos ata o Porto de Santa Mariña de Brantuas, desde onde foron levados por estrada (coa axuda dun camión con pluma do Concello de Ponteceso) ata un monte cedido polo Concello de Ferrol, onde foron soterrados durante 26 meses. Pasado este tempo, a terra voltounos libres de boa parte da grasa e dos tecidos, pero aínda houbo que trasladalos ó museo, limpalos e custodialos ata a súa montaxe, recreando o momento en que a balea inicia a inmersión logo de coller aire.
A segunda visita foi ó Aquarium Finisterrae, en A Coruña. Recibíronnos baixo unha morea de creacións artísticas elaboradas con lixo atopado no mar, preto do lugar onde a figura dun «surfero» moi especial recibe ós visitantes.
O alumnado percorreu as distintas salas do acuario, desfrutando da actividade das criaturas mariñas e facendo uso das propostas interactivas das instalacións, unha constante en todos os museos científicos da cidade. Antes do xantar, o bo tempo permitiu que fixéramos unha visita ás focas nas piscinas exteriores.
Pola tarde visitamos o museo da USC, situado no Parque de Vista Alegre.
Tino falounos de Biodiversidade, da orixe dos exemplares presentes no museo, do traslado da colección desde o edificio da Facultade de Química… e amosounos as principais seccións deste equipamento de investigación e educación ambiental…
… e María coordinou o obradoiro de identificación de especies, no soto do edificio.
Este roteiro, cunha duración dunha xornada (entre as 07:30 h e as 20 h), foi deseñado polos docentes do Seminario de Ciencias Experimentais, e contou coa colaboración da Sociedade Galega de Historia Natural, os Museos Científicos Coruñeses e a Universidade de Santiago de Compostela.