Rematando o segundo trimestre, o xoves e o venres da pasada semana o alumnado das aulas de 2º C e B de ESO, acompañados polas titoras e outros educadores do noso centro, tivemos a oportunidade de percorrer o Bosque de Ridimoas, en Beade, guiados por Paula e Pablo (coñecido por todos como Oitabén).
Citámonos con Paula e Oitabén na eirexa parroquial de Santa María de Beade (antiga Encomenda da Orde Militar dos Hospitalarios de San Xoán de Xerusalén, máis tarde coñecida como Orde de Malta; prestade atención ó cruceiro da seguinte imaxe, na parte superior esquerda da mesma), onde comezamos a usar a unidade didáctica proporcionada pola Asociación Ridimoas, documento de referencia durante toda a xornada para ir descubrindo curiosidades do entorno e aprender unha manchea de cousas sobre este espazo. A actividade desta asociación naturalista, radicada en Beade, céntrase na recuperación de hábitats para especies autóctonas no bosque, de máis de 400 hectáreas, que posúe neste municipio de O Ribeiro.
A beira da capela de San Roque fixemos unha parada para comentar os cruceiros do calvario, do século XVIII. A súa silueta é moi popular grazas o debuxo levado a cabo por Castelao na súa obra “As cruces de pedra na Galiza” (libro publicado póstumamente pola editorial Nós na imprenta López de Buenos Aires en xaneiro de 1950), un detallado estudio no que describía a historia, significado e tipoloxía dos cruceiros galegos.
Aínda entre a néboa ascendimos para adentrarnos no Bosque de Ridimoas, seguindo a “Ruta dos Arrieiros”. Este camiño foi durante séculos a principal vía de comunicación entre Ribadavia e Pontevedra; desde o século XV empregouse para transportar viño e outras mercadurías; parte dese viño quedaba nos lugares e parroquias da comarca, e parte era posteriormente comercializado no País Vasco e na Bretaña Francesa; no século XVII o viño “ribeiro” era embarcado en Pontevedra con destino a Santander, País Vasco e Asturias, así como America e algúns países europeos.
Ó pouco de entrar no bosque, Paula falounos das mimosas, Acacia dealbata, e do tremendo impacto que teñen na comarca de O Ribeiro estas leguminosas, consideradas prantas exóticas invasoras. Nas zonas fortemente invadidas non medra outra especie vexetal debido á gran densidade das mimosas que non deixan nin espazo nin luz a outras prantas; alteran a cantidade e calidade de follasca, o contido en nutrintes, as características físicas e as comunidades microbianas dos solos invadidos…
… se ben Oitabén chamou a nosa atención sobre unha característica positiva destas prantas: son quen de enriquecer ó solo, dado que se asocian con bacterias do xénero Rhizobium (fixadoras do nitróxeno atmosférico) nos nódulos que se forman nas súas raíces. Grazas a estes nódulos, que se poden ver na seguinte fotografía, as prantas obteñen nutrintes esenciais. Pero as bacterias que se asocian ás raíces poden ser exóticas tamén e, nese caso, afectar negativamente a leguminosas nativas como a xesta, Cytisus sp, e o toxo, Ulex europaeus.
Onde remata o primeiro treito do camiño, recuperado pola Asociación Ridimoas, e logo dunha intensa limpeza para eliminar as mimosas, no solo apareceron as prantas que vedes a continuación, unha herba de nome leiburiña, Agrostis truncatula, unha pranta herbácea anual da familia Poaceae (gramíneas), que presenta as lígulas dentadas, as flores en inflorescencia en panícula moi ramuda e con glumas membranosas.
Oitabén tamén falou das especies arbustivas e arbóreas autóctonas, como a pereira brava, Pyrus cordata, insistindo moito na importancia de identificar e coñecer as especies para poder respetalas, coidalas e protexelas.
A media mañá visitamos a mina de auga das píntegas, Salamandra salamandra gallaica. Oitabén describiu o ciclo vital destes anfibios e amosounos individuos en estado xuvenil e semiadulto, lembrándonos que son animais moi delicados e que corren serio perigo.
Na mesma zona amosounos as flores femininas e masculinas dos carballos, Quercus robur, inflorescencias que aparecen entre abril e xuño, en característicos pedúnculos colgantes.
Nas proximidades puidemos ver o rastro dos corzos, Capreolus capreolus, que mordisquean as codias tenras dos piñeiros máis novos, como se aprecia na seguinte imaxe, na parte inferior dereita.
Outra das especies sobre as que chamou a atención foi o érvedo, Arbutus unedo (o madroño de Madrid, da familia Ericaceae), explicándonos como a comarca de O Ribeiro está baixo influencia do clima mediterráneo.
Logo falounos do gaio común (en castelán, arrendajo), Garrulus glandarius, un córvido de mediano tamaño e hábitos netamente forestais, que se alimenta tanto de invertebrados como de froitos e sementes, convertíndose nun auténtico «facedor de bosques»…
… e do fungo negro, Hormiscium ericae, un curioso ascomiceto que aparece na matogueira mediterránea dando a impresión de que os arbustos teñen sido pasto do lume; con aspecto de almofada negra, no Bosque de Ridimoas aparece sobre a codia da uz branca, Erica arborea.
Para rematar, Paula e Oitabén propuxéronnos un xogo no que tivemos que facer memoria sobre as cousas aprendidas. Deste xeito rematou a visita, que durou algo máis de 3 horas.
Queremos agradecer á Asociación Ridimoas, e especialmente a Paula e Pablo (Oitabén) pola súa compaña e as súas inestimables aportacións, a oportunidade que nos brindaron de visitar e coñecer este espazo tan singular.