Esta semana, de luns a mércores, 23 alumnas e 4 alumnos de Cultura Científica de 1º de Bacharelato, acompañados por varios docentes e por persoal do centro, tiveron a oportunidade de levar a cabo un Roteiro Didáctico polo Parque Natural O Invernadeiro, no Macizo Central Ourensano. Así comezamos as actividades VOZ NATURA deste curso.
No Centro de Recepción de Visitantes, nas casas da Ribeira Pequena, o garda forestal Ricardo amosounos a maqueta do Parque Natural e falounos da biodiversidade deste espazo natural.
Tamén descubrimos as posibles rutas que se podían levar a cabo, e visitamos as dependencias da cantina e o economato, espazos restaurados para que os visitantes poidan ver como era o día a día dos empregados de Papeleira Española neste lugar entre 1949 e 1979.
Na Aula de Natureza, na Ribeira Grande, a choiva do primeiro día non foi impedimento para facer a primeira ruta programada, a da auga, que percorre a parte suroriental do Parque Natural, arredor do cercado dos gamos (Dama dama).
No entorno do Encoro das Portas, o alumnado levou a cabo algunhas actividades, como identificación de insectos e extracción de moldes de xeso das pegadas dos animais.
De volta na Aula de Natureza, Pedro Alonso, investigador do lobo (Canis lupus), ofreceunos unha charla sobre o seu traballo, en particular sobre o seguemento destes animais neste espazo natural.
O martes 25 levamos a cabo outras rutas e actividades. A visita do capataz forestal Juan Antonio Rodríguez Araujo permitiu que o grupo se adentrara na zona de protección especial, e localizáramos rastros de distintos animais. Preto da reserva integral identificamos varios exemplares de cabras montesas (Capra pyrenaica) e dos esquivos rebecos (Rupicapra rupicapra), coa axuda do teleobxectivo e os prismáticos.
Pola tarde visitamos o Campamento dos Carboeiros de Sangubiñedas, e o centro ictioxénico.
De volta na Aula da Natureza, puidemos contrastar algunhas das mostras recollidas, grazas á bibliografía trasladada desde o centro e o material dispoñible na propia instalación.
Nesta ocasión, foi José Cid, matemático, o que nos ofreceu unha charla sobre o tratamento estatístico dos datos recollidos sobre o lobo.
A estancia no Parque Natural foi toda unha experiencia. O noso agradecemento a todas e todos os que colaboraron nesta actividade. Tamén ó Servizo de Conservación da Natureza de Ourense, por facilitarnos o permiso para acceder a este espazo natural e poñer á nosa disposición as instalacións da Aula da Natureza na Ribeira Grande.