Grazas a colaboración do CEIDA, entre o 15 de febreiro e o 3 de marzo pódese visitar a exposición GALICIA BIODIVERSIDADE na sala de usos múltiples do centro. Todo o alumnado terá a oportunidade de achegarse á exposición acompañado polo personal docente, e a comunidade educativa, así como outras persoas que visiten o colexio, poderán pasar pola sala de usos múltiples polas tardes, logo do horario escolar.
Grazas a esta exposición terás a posibilidade de coñecer a diversidade de especies animais e vexetais que podes atopar en Galicia, os ecosistemas que habitan, e as múltiples formas de ameaza que poden afectar ás súas poboacións. Nela atoparás as principais especies galegas de flora e fauna, as súas características, os factores que poñen en perigo a súa supervivencia e as ferramentas que existen hoxe en día para a súa protección. Tamén poderás coñecer a importancia que ten a conservación das variedades xenéticas para a actividade humana, por exemplo, na alimentación, grazas á cría e cultivo de variedades galegas de maior calidade.
As visitas comezaron o día 16 de febreiro, tendo como protagonistas ó alumnado de Cultura Científica de 1º de Bacharelato, que traballou por grupos na unidade didáctica facilitada polo CEIDA.
Esta actividade está organizada polo Seminario de Ciencias Experimentais e o equipo Voz Natura do centro. Agardamos que desfrutedes desta exposición.