O alumnado de 1º ESO do noso centro tivo a oportunidade de percorrer o tramo Ponte Vella-Santa Mariña do sendeiro periurbano de Ourense entre o 11 de febreiro e o 25 de marzo. Cada unha das tres liñas deste curso levou a cabo este percorrido en sentido horario acompañado por varios titores e por Gustavo, o docente de Bioloxía e Xeoloxía dese curso.
Ó longo do roteiro fixeron unha manchea de paradas de interpretación, todas elas recollidas no caderno de actividades elaborado polos docentes.
En ocasións se deu a posibilidade de ver e fotografar fauna característica do río, como a garza real (Ardea cinerea).
Xa na cunca do Loña, o alumnado recolleu datos sobre o estado dos muíños e as características da Ponte Medieval.
A continuación avanzaron pola senda do Loña ata chegar a Mende, onde logo dun breve descanso para repoñer forzas comezaron o ascenso polo Camiño Real, que os levou ata Santomé.
No miradoiro de Santomé, cunhas condicións meteorolóxicas fabulosas, parada para apreciar a depresión do val do Miño ó seu paso por Ourense e a paisaxe de replanos morfolóxicos, cos seus niveis de cumio, e as diversas unidades diferenciadas de poboamento e actividade humana, cada volta máis intensa segundo nos achegamos ó fondo do val.
Logo, interpretación do patrimonio histórico nas distintas seccións do Castro de Santomé.
A natureza do entorno, espléndida nesta época do ano.
Outro descanso no núcleo rural de Ceboliño…
… e ascenso ata Montealegre, onde o soporte do cartel do sendeiro, destrozado polos vándalos xa fai máis dun ano, facía as veces de marco para a instantánea do avance das mozas e mozos.
Preto de Santa Mariña, e antes de coller o bus urbano de volta ó centro da cidade, a natureza despedíase como ela sabe, adiantandose á chegada da primavera co renacer dos ciclos naturais.
Esta actividade levouse a cabo entre as 09 e as 17:30 h, grazas a coordinación dos docentes do Seminario de Ciencias Experimentais e do Seminario de Xeografía e Historia.