Natureza, biodiversidade e sáude: os estragos medioambientais e a súa influencia na saúde de todas e todos nós.

O mércores 25, Xosé Santos Otero, axente forestal e naturalista, funcionario dos servizos forestais públicos desde 1986, membro e colaborador de varias organizacións ambientalistas e colectivos de protección da naturaleza, como Amigos da Terra ou Ríos Limpos, foi o poñente da Xornada ConCiencia levada a cabo na Aula Magna do centro, dirixida ao alumnado de 3º e 4º de ESO de BX.

A ponencia levaba por título Natureza, biodiversidade e sáude, centrando a narrativa nos estragos medioambientais e a súa influencia na saúde de todas e todos nós. Durante preto dunha hora e media, o alumnado tivo a oportunidade de participar do saber e bo facer deste profesional da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia. Na visita que nos fixo aló por xaneiro de 2019 el mesmo nos cometaba «veño de familia de contacontos, o que non quere dicir que viva do conto» (ver: https://naturezaula.salesianosourense.com/2019/01/ii-xornada-conciencia/)

A charla, acompañada por unha presentación (dispoñible na carpeta Materiais Didácticos/Xornadas ConCiencia do blog) na que destacaban imaxes impactantes, tomadas polo poñente, que reflicten a realidade de moitas xestións controvertidas dos recursos naturais da provincia e da comunidade autónoma, formaba parte das actividades organizadas para a nova acción especial do proxecto Voz Natura, que nesta 29 edición ten, entre outros obxectivos, concienciar sobre a crise climática global e combatir a desinformación, potenciando o coñecemeento científico sobre como son e como funcionan os ecosistemas, achegándonos aos que están máis preto (https://www.lavozdegalicia.es/noticia/ourense/ourense/2026/03/27/bano-bosque-escolares-fraga-ourensana-mayor-biodiversidad/00031774630014516115125.htm).

Xosé Santos animounos a participar de xeito activo no coidado do medio, e convidou ao alumnado a sair ao monte e descubrir a diversidade dos nosos recursos naturais. Agardamos poder tomarlle a palabra e tentaremos darlle continuidade a esta charla, organizada polo Seminario de Ciencias Experimentais do centro, cunha saída (como a que fixemos con el en 2014, https://naturezaula.salesianosourense.com/2014/04/sementeira-no-monte-alegre/, ou na estancia no Parque Natural O Invernadeiro, en 2012) na que poidamos seguir aproveitando a sabeduría deste apreciado divulgador e defensor da natureza.