II Roteiro Didáctico Ambiental polo Concello de Sober.

O 13 de outubro alumnado de Bioloxía e Xeoloxía de 4º de ESO, acompañado por dous docentes de ESO, Amador Lama Tombo (salesiano) e Eduardo José González Clavijo, xeólogo e coordinador dos Xeolodías a nivel estatal, participou nun itinerario polo Concello de Sober.

Esta actividade complementaria, organizada polo Semi­nario de Ciencias Experimentais, dentro do Programa de Educación Ambiental Voz Natura, tiña como obxectivo destacado achegar aos participantes a centros de interese deste concello, que permiten facer deste percorrido ambiental unha oportunidade para aprender a conservar o rico patrimonio da zona. O itinerario, recollido nunha unidade didáctica compartida co alumnado (que se pode consultar na carpeta Materiais Didácticos do blog), artéllase arredor de 4 paradas de interpretación relacionadas con aspectos do medio (etnografía, patrimonio, natureza, historia…) que imos destacar polo seu valor ou singularidade, e que están indicadas a continuación.

A xuntanza dos educadores cos 34 participantes, le­vouse a cabo no portón de acceso ao centro educativo á beira da N-120, onde nos recolleu o transporte ás 07:55 h. Santiago foi o encargado de levarnos dun lado para outro durante esta xornada. Agradecemos ao Concello de Sober a súa implicación na actividade, en particular ao alcalde Luis Fernández Guitián, por facerse cargo do gasto de transporte.

Ás 08:50 h, José María Lago Bornstein, en representación da Asociación Cultural O Colado do Vento, recibiunos no salón de actos da Casa da Cultura, introducindo a xornada e lembrándolle ao alumnado participante o itinerario que levaríamos a cabo.

No pasillo da Casa da Cultura, diante da colección de rochas de Sober (recollida por Eduardo e musealizada por José María), o xeólogo fixo unha breve introdución xeolóxica da contorna.

As seguintes fotografías foron tomadas o 17 de abril de 2026.

Teresa Grau López agardaba polo grupo na aldea de A Boca, na parroquia de San Martiño, unha das 22 que compoñen o territorio do Concello de Sober. En Galicia, parroquia é a denominación que reciben as entidades colectivas de poboación, que teñen a súa orixe nas parroquias eclesiásticas. Ven sendo a división territorial tradicional dos concellos, e cada parroquia comprende unha ou varias entidades singulares de poboación, chamadas lugares. Según o nomenclátor estadístico de Galicia, no 2019 había un total de 3.771 parroquias nesta comunidade autónoma. Na  versión actualizada, aprobada o luns 30 de marzo de 2026, (https://toponimia.xunta.gal/es/nova/aprobado-el-nuevo-nomenclator-de-galicia), en Galicia hai 42.909 topónimos se sumamos os 313 concellos, 3.788 parroquias e 38.808 lugares ou entidades de poboación.

A proposta educativa da contacontos Teresa Grau López consistiu nunha inmersión sensorial no bosque de ribeira do río Xabrega, un baño de bosque, no que o alumnado fixo a primeira parte do percorrido en silencio. Para motivar esta actividade e o resto da xornada, os educadores pediron ao alumnado que apagaran os seus dispositivos móbiles e os deixaran na mochila.

Ao cabo de 20 minutos os participantes agrupámonos para escoitar dous contos de boca de Teresa, que convidaron á reflexión. Logo, continuamos a andaina río abaixo ata a desembocadura do Xabrega no Sil.

Preto do río, Eduardo explicou porque o río Xabrega segue a súa traxectoria. Durante toda a xornada compartiu breves charlas sobre a xeoloxía da contorna (a charla completa leva o título “A formación do Canón do Sil e a xeoloxía da Ribeira Sacra”, https://mujeresygeologia.wixsite.com/mujeresygeologia/copy-of-geocharlas-recursos/la-formaci%C3%B3n-del-ca%C3%B1%C3%B3n-del-sil-y-la-geolog%C3%ADa-de-la-ribeira-sacra), unha iniciativa de Xeocharlas-Comisión Mulleres e Xeoloxía da Sociedade Xeolóxica de España.

O 8 de febreiro de 2017, no programa 5 da 2ª tempada de Volando voy, Jesús Calleja falaba con Eduardo, para que lle explicara a orixe da Ribeira Sacra, que se remonta a 70 millóns de anos. Daquela a placa africana comezou a empurrar contra a placa euroasiática e nesta zona a codia terrestre curvou cara arriba, mentres os ríos Sil e Miño escavaban os seus canóns.

Mentres o alumnado facía a merenda de media mañá, Alfonso Campos Pérez, coñecido activista cultural, investigador e divulgador da Ribeira sacra, vencellado estreitamente á asociación cultural O Colado do Vento, falounos dos castros da contorna e dos elementos atopados nos mesmos (https://coladodovento.blogspot.com/p/publicacions.html, https://www.lavozdegalicia.es/noticia/lemos/2022/02/25/span-langglalfonso-campos-hai-lendas-comezan-nunha-beira-do-sil-terminan-na-outraspan/00031645824974719789951.htm, https://www.elprogreso.es/articulo/noticias/alfonso-campos-en-sober-hai-polo-menos-155-aldeas-que-contan-con-algunha-lenda/20130220130000267783.html), destacando os usos dos distintos tipos de rochas para diferentes moendas (de sementes e vexetais para a obtención de alimento, e tamén de minerais).

Alfonso tamén obsequiounos cun tríptico levado a cabo por O Colado do Vento, no que se recolle a información máis destacada do percorrido polo Xabrega.

Para chegar á segunda parada prevista, o transporte levounos ata Cadeiras, na parroquia de Pinol. No miradoiro, Eduardo fixo partícipe ao alumnado dunha charla ilustrada sobre a formación do río Sil, no contexto do relevo de bloques que configura a xeomorfoloxía de Galicia.

O curso pasado este mesmo grupo levou a cabo o XII Roteiro Didáctico Ambiental por Parada de Sil (https://naturezaula.salesianosourense.com/2026/05/xii-roteiro-didactico-ambiental-por-parada-de-sil/), e achegouse ao miradoiro de Torgás, que se ve así desde o de Cadeiras.

Preto do miradoiro, de camiño ao santuario, José María chamou a atención dos asistentes cunha interesante disertación sobre a historia e a etnografía deste lugar (https://turismo.ribeirasacra.org/santuario-de-cadeiras, https://novasrutas.com/cadeiras-un-santuario-en-sober/). A lenda da Idade Media conta que pareceu unha imaxe da Virxe entre unhas penas, preto de onde está agora o Santuario. Nesa ubicación construiron unha pequena ermida, reconstruida en diferentes ocasións antes da construcción do actual santuario (https://concellodesober.com/es/romaria-de-cadeiras/).

Ao abrigo dun maxestuoso carballo, o alumnado prestou atención á lectura da páxina 125 do libro “Árbores senlleiras do  Arciprestado de Amandi”. Sober é o primeiro concello da provincia de Lugo que conta cun catálogo específico de árbores e formacións arbóreas senlleiras (https://www.lavozdegalicia.es/noticia/lemos/sober/2026/03/12/ochenta-arboles-singulares-sober-contar-ardio/0003_202603M12C8991.htm). Minutos máis tarde, en Pinol, visitamos o castiñeiro de A Seara, (páxina 60 do libro “Árbores senlleiras do Arciprestado de Amandi”) e vimos as ruinas da antiga escola, que aparece documentada nos arquivos do C.E.H.I.S (Centro de Estudos Históricos de Sober, coordinado por José María Lago Bornstein), e da que hai constancia de actividade académica en 1.727.

O xantar, en Donelle, nas instalación do Proxecto Guardabosques.

Logo de xantar, José Vicente Barcia Magaz, periodista de formación, activista en diferentes movementos sociais e coordinador do Proxecto Guardabosques (unha iniciativa de transformación ecosocial impulsada pola cooperativa madrileña Ecooo; https://somosguardabosques.coop/conoce-el-proyecto), falounos do proxecto de preservación da contorna, coa adquisición de lameiros en desuso e terreos forestais para evitar a tala do mosaico de bosque autóctono, protexendo deste xeito especies como castiñeiros, bidos, corzos e aves rapaces, como o gabián, Accipiter nisus.

O transporte achegounos a Gundivós, onde Eduardo fixo un último apunte sobre as arxilas e a relación das mesmas coa recoñecida olaría da zona (https://rectoraldegundivos.es/, https://www.rtve.es/play/videos/aqui-la-tierra/descubre-tradicional-alfareria-gundivos/17139961/).

Para rematar a actividade, visitamos a Casa-Museo Genia Trigo (https://concellodesober.com/es/casa-museo-genia-trigo/), e da man de Modesto Trigo Trigo, pintor, escultor e propietario desta institución, descubrimos este museo vivo adicado á recuperación do patrimonio material e inmaterial do rural galego. As súas coleccións naceron das propias pezas da casa: ferramentas, obxectos de todo tipo, testemuñas que documentan os oficios caseque esquecidos da Ribeira Sacra, e coas aportacións de veciños e colaboradores da contorna o museo segue a medrar, facendo do mesmo un espazo en constante formación, porque o patrimonio non é algo estático: recupérase, compártese e transmítese.

Desde NaturezAula queremos expresar o noso agradecemento a todas as persoas e entidades que fixeron posible esta actividade.