XII ROTEIRO DIDÁCTICO AMBIENTAL POR PARADA DE SIL.

Fotografías de Emma Martínez e Iván Vilar.

O luns 18 de maio, alumnado de 3º de ESO acompañados por Iván (titor de 3ºA e docente de Tecnoloxía, coordinador da actividade), Emma (titora de 3ºB e docente de Matemáticas) e Mariluz (titora de 3ºC e docente de Francés) levou a cabo un roteiro didáctico ambiental polo Concello de Parada de Sil. Os Seminarios de Ciencias Experimentais, Tecnoloxía e E.P.V.A. levan organizando esta actividade desde o ano 2012, e salvo nas edicións do 2016, 2020 e 2021, o alumnado deste curso de ensino secundario obrigatorio tivo sempre a oportunidade de participar nesta xornada que combina á perfección natureza e patrimonio, axudando a descubrir os valores ambientais e culturais desta zona da provincia de Ourense.

A primeira parada foi no Museo do Chocolate de Teimende, onde descubriron o traballo da familia Casares entre os anos 30 e os anos 80 do pasado século.

Explicáronlle ao alumnado o funcionamento dalgunhas máquinas e o tratamento que se lle daba aos distintos ingredientes do chocolate; asemade, escoitaron un breve resumo da historia da empresa, vencellada ao comercio de ultramar.

A continuación desprazáronse cara o leste, ao Canón do Río Mao, concretamente ata a Fábrica da Luz, unha antiga instalación para a producción de enerxía eléctrica situada preto do límite dos concellos de Parada e A Teixeira. Por ese límite discurre o río Mao, labrando un imponente canón fluvial. O Concello de Parada deseñou un sendeiro (o PR-G 177) e construiu unha pasarela peonil de madeira pola beira esquerda do canón, bordeando socalcos empregados hai tempo para o cultivo. Desde a pasarela pódese desfrutar dunha contorna espectacular. O alumnado percorreu a pasarela peonil seguindo con atención a información sobre a flora e a fauna dispoñible por todo o percorrido, presentada en paneis divulgativos hábilmente integrados na contorna. Ao chegar preto de Barxacova, ao carón da desembocadura do Mao no Sil, voltaron pola mesma pasarela.

A seguinte visita foi ao Miradoiro de Torgás (tamén coñecido como Balcóns de Madrid), parando para ver o Pozo do Lobo, unha construcción doutra época que, xunto cos foxos do lobo, se empregaba para dar caza a estes animais antes da aparición das armas de lume.

No miradoiro, no límite provincial, desfrutaron das vistas ao espectacular canón do Sil e á beira lucense, abarcando boa parte do concello de Sober.