O luns 27 de abril o alumnado de 1ºB de ESO na compaña de Gustavo (titor) e Maika, e o luns 25 de maio o alumnado de 1ºA de ESO na compaña de Magalí (titora) e Quique (coordinador de NaturezAula), tivo a oportunidade de percorrer o tramo Ponte Vella-Mende-Santomé-Ceboliño-Parque Botánico de Montealegre, que corresponde ao escape noreste do sendeiro periurbano de Ourense. Esta actividade, organizada polo Seminario de Ciencias Experimentais en colaboración co Seminario de Xeografía e Historia, levouse a cabo entre as 08:30 e as 17:30 h.
O itinerario foi o mesmo que se levou a cabo o día 20 de abril, daquela con 1ºA de ESO (podedes consultar a entrada en https://naturezaula.salesianosourense.com/2026/04/vii-roteiro-didactico-ambiental-de-1o-de-eso-polo-sendeiro-periurbano-de-ourense/). A continuación amósanse algunhas imaxes das xornadas do luns 27 de abril e do luns 25 de maio.
27 de abril, 1ºB de ESO.
25 de maio, 1ºA de ESO.
O tramo do sendeiro entre o Castro de Santomé e a central hidroeléctrica de Castadón continúa nun estado de absoluto abandono. De feito, unha das alumnas resultou mancada, afortunadamente de rabuñaduras moi aparatosas pero superficiais, ao caer á beira dereita do sendeiro por un mal apoio ao tentar evitar o crecemento descontrolado da vexetación na beira esquerda. As pontes de madeira próximas á central hidroeléctrica continúan en moi mal estado, e hai que cruzalas con precaución, ao haber varios pontóns podridos e outros, incluídas as barandas, soltos. Durante as semanas previas á realización do roteiro do día 20 de abril o Concello de Ourense foi informado desta situación. Antes de rematar o curso tentaremos que a información chegue ao Concello de Pereiro de Aguiar, onde se atopan os puntos máis conflitivos para o tránsito seguro. Desgrazadamente, as actuacións precisas para garantir a seguridade do alumnado non están a chegar a tempo. Como se pode apreciar nas imaxes, o alumnado ten que transitar por tramos nos que non se ve o camiño, e as posibilidades de mancarse son elevadas.
Imos seguir traballando para tender pontes cos responsables do mantemento deste equipamento de educación ambiental, na procura dunha xestión axeitada deste asunto. Constatamos que o sendeiro periurbano ven sendo empregado con frecuencia pola ciudadanía e ten un alto valor para a comunidade educativa do noso centro, como se recolle nas memorias de actividades das 14 edicións nas que levamos participando no programa de educación ambiental Voz Natura.
https://drive.google.com/drive/folders/1VpidNEmEgqtvLTzEZ0vglTKMihef4Lx8
Fotografías de Magalí, titora de 1º A.