VII Roteiro didáctico ambiental de 1º de ESO polo Sendeiro Periurbano de Ourense.

O luns 20 de abril o alumnado de 1ºC de ESO do centro, na compaña de Xulio (titor) e Quique (coordinador de NaturezAula), tivo a oportunidade de percorrer o tramo Ponte Vella-Mende-Santomé-Ceboliño-Parque Botánico de Montealegre, que corresponde ao escape noreste do sendeiro periurbano de Ourense. Esta actividade, organizada polo Seminario de Ciencias Experimentais en colaboración co Seminario de Xeografía e Historia, levouse a cabo entre as 08:30 e as 14:15 h. O luns 27 de abril 1ºB de ESO, acompañados por Gustavo (titor) e Maika, e o luns 11 de maio 1ºA de ESO, na compaña de Magalí (titora) e Quique, farán o propio entre as 08:30 e as 17:30 h.

Ao longo do roteiro fixemos unha manchea de paradas de interpretación, a primeira no recén instalado cartel informativo da beira da Ponte Vella, “de estrea” con este grupo/aula.

No percorrido polas beiras do Miño e do Loña tivemos ocasión de repasar contidos traballados na aula sobre os muíños, a vexetación de ribeira e as características das Pontes, destacando a Ponte Vella sobre o Miño, e a Ponte Medieval sobre o Loña.

Ao chegar á altura da Ponte de Mende non puidemos avanzar pola senda do Loña, dado que os episodios de crecentes do Loña polas choivas de hai varios anos deixaron en estado intransitable algún tramos da infraestructura. A información que nos trasladaron os responsables do Concello de Ourense é que se están a levar a cabo as xestións coa Confederación Hidrográfica para restaurar a senda peonil. Á garda desas actuacións, polo dagora non queda outra que facer o percorrido ata as inmediacións do CPI Plurilingüe José García García (en Mende) pola estrada.

Antes do CPI Plurilingüe José García García, collimos a senda que nos levou á chamada costa romana, totalmente empedrada, que en realidade é medieval (a primeira documentación que deixa constancia da súa existencia é do ano 1.153). Este camiño empedrado debeu ter un precedente máis antigo, que podería ser a vía romana que enlazaba o asentamento militar que deu lugar á actual cidade de Ourense coas vías que comunicaban coas actuais Braga e Astorga (según as citas de fontes documentais medievais).

No miradoiro de Santomé, con moi boa visibilidade, foto coa cidade ao fondo.

Breve explicación do Castro, descanso e continuamos.

O tramo do sendeiro entre o Castro de Santomé e a central hidroeléctrica de Tibiás atópase nun estado de absoluto abandono. Como se pode apreciar nas imaxes, o alumnado tivo que transitar por tramos nos que non se ve o camiño, e as posibilidades de mancarse son elevadas.

As pontes de madeira próximas á central hidroeléctrica continúan en moi mal estado, e hai que cruzalas con precaución, ao haber varios pontóns e as barandas soltos. Durante a semana previa á realización do roteiro do día 20 de abril e logo deste o Concello de Ourense foi informado da situación.

Continuamos cara Ceboliño. Na praza do núcleo rural de Ceboliño fixemos un descanso e tivemos ocasión de charlar coas veciñas da Asociación de Veciños de Ceboliño, que moi amablemente abriron o local social para que puideramos usar os aseos e tomar algunha bebida fresca.

Continuamos cara o Parque Botánico de Montealegre, onde desfrutamos das vistas desde o miradoiro da Cruz.

Con estes roteiros pechamos o ciclo programado polo centro co obxectivo de que o alumnado de ESO e Bacharelato teña a oportunidade de descubrir os valores ambientais e patrimoniais da contorna. As visitas do curso 2025-2026 estiveron distribuídas do seguinte xeito:

1º ESO: Sendeiro Periurbano de Ourense, escape noreste; unha xornada por grupo/aula no mes de abril/maio.

2º ESO: Sendeiro Periurbano de Ourense, tramo oeste; unha mañá por grupo/aula no mes de xuño.

3º ESO:

  • Museos de Biodiversidade e Fervenza do Toxa; unha xornada no mes de marzo.
  • Parada de Sil; unha xornada no mes de maio.

4º ESO matriculados en Bioloxía e Xeoloxía:

  • Mosteironda e Sendeiro Periurbano de Ourense: unha xornada no mes de setembro.
  • Sober; unha xornada no mes de outubro.
  • Xeoparque Montañas do Courel: unha xornada no mes de abril.

1º BAC matriculados en Bioloxía e Xeoloxía. O Bierzo: unha xornada no mes de febreiro.