Presentación da cartelería do Sendeiro Periurbano de Ourense.

O Concello de Ourense, ao través da Concellería de Obras Públicas, Servizos Urbanos, Medio Ambiente e Urbanismo, presentou hoxe os traballos de recuperación e mellora da sinalética do Sendeiro Periurbano da cidade. Este proxecto foi desenvolvido en estreita colaboración co alumnado do noso centro, nunha aposta por implicar á mocidade no coidado do patrimonio natural e fomentar o turismo sostible.

No curso 2013-2014 o Concello de Ourense instalou tres paneis, os da Ponte Vella, Ceboliño e Montealegre. Daquela o noso centro obtivo o Premio Provincial Voz Natura por Ourense.

Nesta ocasión, o Concello de Ourense instalou sete puntos informativos, paneis estratéxicos ao longo do percorrido polo Sendeiro Periurbano, para facilitar a orientación e o coñecemento da contorna.  Durante o curso 2024-2025 levouse a cabo, por parte do alumnado, un interesante traballo de actualización, que derivou na proposta presentada ao Concello de Ourense a comezo da presente edición. O alumnado participou activamente en todas as fases de elaboración da cartelería: recollida de datos, redacción de contidos, deseño da información que agora se pon a disposición da ciudadanía… como pode verse na entrada do blog do 31 de xaneiro de 2025: https://naturezaula.salesianosourense.com/2025/01/carteleria-do-periurbano/. «Esta colaboración permite que os mozos e mozas sintan como propio o espazo público, fomentando a sensibilización ambiental e o respecto pola nosa riqueza natural», destacaron desde o Concello de Ourense.

A comezo deste curso, desde NaturezAula fixéronse as xestións para recuperar os paneis da Ponte Vella (retirado pola Xunta de Galicia por obras de acondicionamento do acceso ao paseo da beira do Miño), Ceboliño (retirado polo Concello de Ourense) e Montealegre (destrozado polos vándalos), e instalar novos paneis no resto do sendeiro. Para materializar esta par­te do proxecto contamos coa boa sintonía e colaboración do Conce­llo de Ourense, en particular, do Concelleiro de Obras Públicas, Servizos Urbanos, Medio Ambiente e Urbanismo do Concello de Ourense, Francisco Lorenzo López.

A proposta de restauración do panel situado á beira da Ponte Vella pasaba por aproveitar o espa­zo e aumentar o valor engadido da contorna poñendo a disposición da cidadanía información actualizada, integrando o cartel sobre un dos ele­mentos do mirador, decotío cuberto por pintadas non autorizadas.

Para levar a cabo esta mellora, a nosa proposta era a de cubrir a caixa co panel informativo, previamente impreso en dúas pe­zas, de xeito que se permita a aper­tura da porta para as labores de mantemento. O luns 23 de febreiro materializouse este obxectivo, como pode verse nas seguintes imaxes.

Operarios do Concello de Ourense deixaron onte instalados os seis paneis restantes, cada un con mapa, texto e fotografías adapatadas á súa ubicación particular, para aproveitamento da comunidade educativa e da cidadanía.

Eusebio Martínez Aguado (Director da Obra Salesiana de Ourense), Cristina Nespereira Vila (xefa de estudos de E.I e E.P.), Gustavo Monroy González e José Enrique Fernández Marcos (coordinadores de NaturezAula), e Francisco Lorenzo López (Concelleiro de Obras Públicas, Servizos Urbanos, Medio Ambiente e Urbanismo do Concello de Ourense), acompañaron a alumnado de 2ºBAC e 6ºE.P. na presentación do panel informativo do Miradoiro da Ponte Vella.

Con esta mellora, o Concello de Ourense procura potenciar o uso deste roteiro como unha alternativa de lecer saudable e seguro. A posta en valor destes espazos periurbanos contribúe a desconxestionar o centro urbano e convida tanto a veciños como a visitantes a descubrir a «anela verde» que rodea a Ourense. O Concelleiro de Obras Públicas, Servizos Urbanos, Medio Ambiente e Urbanismo, Francisco Lorenzo López sinalou: «Esta iniciativa é o exemplo perfecto de como a colaboración entre institucións e centros educativos pode transformar a cidade. Non só estamos a renovar infraestruturas de lecer, senón que estamos a sementar nos nosos mozos un compromiso real co coidado do noso patrimonio natural. Grazas ao esforzo do alumnado de Salesianos, hoxe o Sendeiro Periurbano é máis accesible e didáctico para toda a cidadanía.»