Desinformación, un problema para entender e afrontar o cambio climático.

O xoves 22 de xaneiro, entre as 11:45 e as 13:15 h, alumnado de Bioloxía e Xeoloxía de 4º ESO e 1º BAC tivo a oportunidade de seguir na Aula Magna a charla de Xavier Fonseca Blanco, xornalista de La Voz de Galicia, divulgador científico e doutor pola USC (Programa Medio Ambiente e Recursos Naturais).

Xavi é o creador de “Historias do tempo”, sección de divulgación meteorolóxica e histórica de La Voz de Galicia desde finais de 2017. O primeiro artigo rexistrado baixo esta cabeceira específica, titulado «Ana, a primeira borrasca española», data do 9 de decembro dese ano (https://www.lavozdegalicia.es/noticia/historias-del-tiempo/2017/12/09/ana-primera-borrasca-espanola/0003_201712H9P59991.htm). 

Esta serie de reportaxes profundiza en eventos climáticos históricos e fenómenos astronómicos, conectando os mesmos coa actualidade ou efemérides relevantes.

“Historias do Tempo” comezou a súa andadura en V Televisión en setembro de 2011, para pasar á sección do xornal en 2017.

O portavoz do Comité Científico de Voz Natura, Alejandro Díaz Sueiro, acompañado por Nazareth Díaz Castro (Coordinadora do Programa de Educación Medioambiental Voz Natura na Fundación Santiago Rey Fdez-Latorre, responsable de programas educativos, formativos e de acción social), fixo a presentación do poñente.

En palabras de Alejandro e Nazareth “Con motivo da temática da presente edición de Voz Natura, adicada á crise climática, inauguramos no CPR Plurilingüe María Auxiliadora – Salesianos de Ourense esta bonita colaboración co noso compañeiro xornalista e divulgador científico Xavi Fonseca. Ao través destas charlas formativas sobre fake news climáticas, temos a esperanza de que os escolares galegos aprendan un pouco máis sobre a desinformación á que están expostos ao través das redes sociais”.

Esta visita tivo un significado especial, dado que se cumprían seis anos (curiosamente, nin un minuto máis, nin un minuto menos) da videoconferencia que levamos a cabo cando Xavi estaba na Antártida, actividade recollida na seguinte entrada do blog de NaturezAula: https://naturezaula.salesianosourense.com/2020/01/videoconferencia-con-xavier-fonseca-blanco/.

A charla de Xavi, co título “Desinformación, un problema para entender e afrontar o cambio climático”, captou de inmediato a atención do alumnado.

Ao remate da ponencia (o pdf da presentación está dispoñible na carpeta Materiais Didácticos da páxina de inicio do blog), Xavi atendeu amablemente todas as preguntas que lle plantexaron.

Manuel Gallego Fortes encargouse da grabación e edición do audiovisual da charla divulgativa, para posteriormente compartir o mateiral na canle de youtube do colexio.

Agradecemos a Xavi o seu bo facer, e agardamos que esta iniciativa que inauguramos no noso centro sexa de utilidade e chegue a cantos máis escolares mellor.