VI Roteiro Didáctico Ambiental polo leste do concello de Ourense (Mosteironda-Parque Botánico de Montealegre).

O 30 de setembro alumnado de Bioloxía e Xeoloxía de 4º de ESO, acompañado por dous docentes de ESO, participou nun itinerario desde Velle ata o Parque Botánico de Montealegre. Esta actividade complementaria, organizada polo Semi­nario de Ciencias Experimentais e polo Seminario de Educación Física, dentro do Programa de Educación Ambiental Voz Natura, tiña como obxectivo destacado achegarnos á parte leste do concello, nunha aproximación a bosques caducifolios, mediterráneos e de ribeira, atravesando zonas afectadas por lumes forestais, moi preto da chamada costa romana, totalmente empedrada, que en realidade é medieval (a primeira documentación que deixa constancia da súa existencia é do ano 1.153). Este camiño empedrado debeu ter un precedente máis antigo, que podería ser a vía romana que enlazaba o asentamento militar que deu lugar á actual cidade de Ourense coas vías que comunicaban coas actuais Braga e Astorga (según as citas de fontes documentais medievais).

Outro dos obxectivos da actividade pasaba por facilitarlle ao alumnado participante o recoñecemento e selección de distintas zonas do itinerario para que, por grupos de traballo, puideran desenvolver un estudio dun ecosiste­ma en distintos momentos do curso (primeiro trimestre: outono/inverno; terceiro trimestre: primavera/verán).

A xuntanza dos educadores cos 41 participantes le­vouse a cabo na rúa de Sabadelle, cruzamento Regoufe, entre as 08:30 e as 09:00 h.

Desde o punto de encontro, pasando pola Serra Mostei­ronda, chegamos a Santomé, desde onde continuamos por Castadón ata Ceboliño, para rematar no Parque Botánico de Montealegre, estando de volta no colexio ás 17:40 h. Pódese con­sultar a unidade didáctica entregada ao alumnado na sección Materiais Didácticos do blog do proxecto.

Durante o percorrido pola Serra Mosteironda, empregan­do a unidade didáctica e outros recursos, como o ipad, comentamos aspectos relacionados co feismo, a flora e a fauna, así como os muros de pedra en seco, Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade pola UNESCO, presentes no tra­zado. Os coordinadores da actividade queremos agrade­cer a Paco Sotelo, membro da Asociación Veciñal Santa Marta de Velle, que nos acompañara polo percorrido da Andaina Mosteironda o 22 de abril de 2017.

Acacia dealbata é unha planta leguminosa, exótica invasora (orixinaria de Australia, atopa en Galicia un clima semellante), introducida en Europa durante o século XIX polo seu interese como especie ornamental, debido sobre todo á súa beleza e ao aroma das súas flores. Extendeuse por Galicia seguindo os ríos, logo de comezar a empregala para a obtención de postes-guía para as vides e para fixar as trincheiras da vía do ferrocarril. Na actualidade, a comercialización das mimosas está prohibida por lei.

O alumnado participante e os docentes tivemos a oportunidade de ver as consecuencias do lume sobre a paisaxe. Esta zona, próxima a Mende, foi pasto das lapas a mediados de xullo de 2020, quedando calcinadas máis de 50 ha. de bosque mediterráneo maduro. O camiño principal da Serra Mosteironda, entre Regoufe e Tibiás, pasa polo epicentro dese lume, polo que fomos testemuñas, pasados cinco anos, dos efectos do lume sobre a contorna, e da recuperación progresiva do ecosistema. Empregando a unidade didáctica deseñada para a actividade, o alumnado descubriu as distintas adaptacións das especies pirófitas, características deste tipo de bosque. Tamén foron quen de distinguir distintas especies vexetais aromáticas.

Antes de chegar a Tibiás collimos unha senda de pronunciada pendente que nos levou ata Santomé, onde fixemos un descanso para comer algo e hidratarnos. Logo seguimos o noso percorrido cara o encoro de Castadón.

Ao remate do curso 23-24 e comezo do 24-25, e visto o estado no que estaba o sendeiro e as dúas pasarelas de madeira de Tibiás (ver entrada do 9 de xuño de 2024 na seguinte ligazón:  https://naturezaula.salesianosourense.com/2024/06/roteiro-didactico-ambiental-de-1o-de-eso-polo-sendeiro-periurbano-de-ourense-6/), desde NaturezAula solicitamos ao Concello de Ourense, ao Concello de Pereiro de Aguiar e á Confederación Hidrográfica que se levaran a cabo as xestións oportunas para procurar que o sendeiro recuperara as condicións para o tránsito seguro (especialmente nas dúas pasarelas); as seguintes imaxes amosan o estado actual, moi lonxe do que consideramos axeitado para este equipamento de educación ambiental.

Antes de iniciar a subida a Ceboliño paramos un intre á beira da central hidroeléctrica de Castadón (no río Loña, en Tibiás, Pereiro de Aguiar), que estivo en funcionamento (en réxime de concesión a Enel Green Power España, S.L.) ata 2018.

Fixemos o xantar ao abrigo da sombra na praza de Ceboliño. Queremos agradecer á Asociación Veciñal Bo Xesús de Ceboliño que nos recibira e abrira o local social, onde tivemos oportunidade de tomar un refrixerio e ir ao baño. O veciño Arturo leva anos atendendo aos grupos que facemos este itinerario, e nesta ocasión foron Isabel e José os encargados de abrir e preparar o local (o alumnado tivo ata terraza para xantar), atendendo con amabilidade aos visitantes. En Ceboliño atopábase o único cartel informativo do noso proxecto que seguía en pé e en boas condicións, grazas aos coidados e sensibilidade dos veciños do núcleo rural. Arturo comentáranos na visita do curso 23-24 que persoal do concello retirara o cartel informativo a finais do curso 22-23. En consecuencia, neste momento non se conserva ningún dos tres carteis instalados en marzo de 2014.

Local social da Asociación Veciñal Bo Xesús de Ceboliño, na praza onde estaba o último cartel dos tres instalados en 2014.

Continuamos cara o Parque Botánico de Montealegre, espazo natural de importancia para a cidade e os seus habitantes, por todo o que aporta á bio­diversidade e ao lecer e desfrute do tempo libre. Aproveitamos para seguir valorando a biodiversida­de, nesta ocasión co cambio de val, destacando a presen­za de carballos e cerquiños, o que manifestaba a adapta­ción climática deste xénero.

Logo de pasar máis de hora e media no Parque Botánico de Montealegre comezamos o percorrido de descenso ata a rúa da Canle e e rúa Emilia Pardo Bazán.

Os participantes terán ocasión de seguir traballando moitos conti­dos relacionados nas presentacións sobre ecosistemas que se levarán a cabo nas respectivas aulas de Bioloxía e Xeoloxía de 4º ESO do centro.