Roteiro didáctico ambiental de 1º de ESO polo Sendeiro Periurbano de Ourense.

O luns 20 de maio o alumnado de 1ºC de ESO do noso centro, na compaña de Gustavo e Xulio, tivo a oportunidade de percorrer o tramo Ponte Vella-Parque Botánico de Montealegre, escape noreste do sendeiro periurbano de Ourense. O luns 3 de xuño foi o caso de 1ºB de ESO, acompañados por Vanesa e Quique. Esta actividade foi organizada polo Seminario de Ciencias Experimentais, dentro do proxecto NaturezAula, en colaboración co programa Voz Natura.

O itinerario foi o mesmo que se levou a cabo o día 29 de abril, daquela con 1ºA de ESO (podedes consultar a entrada en https://naturezaula.salesianosourense.com/2024/05/roteiro-didactico-ambiental-de-1o-de-eso-polo-sendeiro-periurbano-de-ourense-5/). A continuación amósanse algunhas imaxes das xornadas do luns 20 de maio e do luns 3 de xuño.

20 de maio, 1ºC de ESO.

3 de xuño, 1ºB de ESO.

O tramo do sendeiro entre o Castro de Santomé e a central hidroeléctrica de Castadón atópase nun estado de absoluto abandono. As pontes de madeira próximas á central hidroeléctrica continúan en moi mal estado, e hai que cruzalas con precaución, ao haber varios pontóns podridos e outros, incluídas as barandas, soltos. Durante as semanas previas á realización do roteiro do día 3 de xuño (logo de que o día 20 de maio o grupo-aula de 1ºC tivera un accidente nesa zona) o Concello de Ourense e o Concello de Pereiro de Aguiar foron informados por cauce formal desta situación. Desgrazadamente, as actuacións precisas para garantir a seguridade do alumnado non chegaron a tempo. Como se pode apreciar nas imaxes, o alumnado ten que transitar por tramos nos que non se ve o camiño, e as posibilidades de mancarse son elevadas.

Contorna do Castro de Santomé.

Contorna do encoro de Castadón.

Pontes próximas á central hidroeléctrica.

Estado do sendeiro ao sair de Ceboliño.

Agardamos poder tratar en breve este tema cos responsables do mantemento deste equipamento de educación ambiental, empregado con frecuencia pola cidadanía, cun alto valor para a comunidade educativa do noso centro, como se recolle nas memorias de actividades das 12 edicións nas que levamos participando no programa de educación ambiental Voz Natura.