V Visita á Biofactoría-E.D.A.R. de Ourense co alumnado de Bioloxía e Xeoloxía de 1º de Bacharelato.

A mañá do venres 4 de abril o alumnado de Bioloxía e Xeoloxía de 1º de Bacharelato, acompañado por dous dos docentes desta asignatura en ESO-BAC, tivo a oportunidade de visitar as instalacións da Biofactoría-Estación Depuradora de Augas Residuais (E.D.A.R.) de Ourense. Os docentes fixeron as xestións oportunas para acomodar os horarios académicos ao paso do bus urbano da liña 5 pola parada de Ervedelo, e aproveitar deste xeito o transporte colectivo ata a planta. Unha vez rematada a visita voltamos ao colexio no bus da mesma liña. Queremos agradecer as xestións levadas a cabo pola Área de Relación co Cliente de Avanza, que facilitou a incorporación dun autobús de reforzo tanto no percorrido de ida como no de volta, así como a amabilidade dos condutores da liña.

A visita formaba parte das actividades propostas por VIAQUA-Servizo Municipal de Augas para facilitar o acceso da cidadanía a esta infraestrutura, co obxectivo de concienciar á poboación sobre o consumo responsable de auga e as particulariedades da xestión sostible da mesma, dándolle continuidade á visita á E.T.A.P. do 5 de decembro de 2024, co mesmo alumnado (https://naturezaula.salesianosourense.com/2024/12/visita-a-e-t-a-p-de-san-francisco-ourense-sur-co-alumnado-de-bioloxia-e-xeoloxia-de-1o-de-bacharelato/).

O itinerario didáctico comezou visitando o edificio de control. María Micaela Sánchez García, xefa de planta, acompañounos durante todo o percorrido, explicándonos o funcionamento das distintas partes da infraestrutura.

Ao rematar a explicación diante do panel de control da aplicación SCADA (Supervisory Control And Data Adquisition) levounos ao edificio de pretratamento (pasando polo exterior pola zona de decantación lamelar) onde observamos de preto como se recepciona a auga que chega directamente da rede de saneamento da cidade.

Continuamos polo subsolo da Biofactoría, un sistema de galerías de mantemento que conecta toda a planta, desde o edificio de pretratamento ata o reactor biolóxico, incluíndo tamén a zona de fangos e o edificio de control. Estas galerías albergan as conduccións dos servizos precisos para o correcto funcionamento da E.D.A.R. (tuberías de auga, canalizacións eléctricas, sistema de desodorización…), un auténtico quebracabezas para os enxeñeiros.

Ao voltar á superficie, pasamos pola zona de hidrólise térmica, espesamento de lodos e almacenamento de biogás…

… tratamento biolóxico…

… e tratamento terciario.

A visita, dunha hora de duración, entre as 09:00 h e as 10:00 h, foi organizada polos docentes do Seminario de Ciencias Experimentais en colaboración con VIAQUA-Servizo Municipal de Augas. O noso agradecemento a todo o persoal da planta, especialmente a María Micaela Sánchez García, por facilitar a xestión desta actividade e acompañarnos durante a visita a esta moderna instalación, na que se está a innovar na xestión da auga incorporando procesos de última xeración; tamén pola amabilidade amosada co grupo, atendendo todas as dúbidas que xurdiron entre o alumnado e o profesorado.