Visita á E.T.A.P de San Francisco (Ourense sur) co alumnado de Bioloxía e Xeoloxía de 1º de Bacharelato.

A mañá do xoves 5 de decembro o alumnado de Bioloxía e Xeoloxía de 1º de Bacharelato, acompañado por dous dos docentes desta asignatura en ESO-BAC, tivo a oportunidade de visitar as instalacións da Estación de Tratamento de Auga Potable (E.T.A.P.) de San Francisco, en Ourense. O desprazamento ata esta infraestrutura levouse a cabo a pé, tanto á ida como á volta.

A visita formaba parte das actividades propostas por VIAQUA-Servizo Municipal de Augas para facilitar o coñecemento por parte da cidadanía das intalacións de abastecemento de auga da cidade, co obxectivo de concienciar á poboación sobre o consumo responsable de auga e as particulariedades da xestión sostible da mesma.

Recibiunos Alfonso, capataz da planta, e acompañounos durante todo o percorrido, explicándonos o funcionamento das distintas partes da infraestrutura. Cabe destacar que a planta estaba parada, e puxérona en funcionamento para que o alumnado apreciara mellor os procesos que se levan a cabo na mesma.

M. Ángeles, responsable da instalación, incorporouse para explicarlle ao alumnado, xunto a Alfonso, o funcionamento do panel de control da mesma. Dado o reducido espazo da sala fixemos a visita en dous grupos.

Tanto Alfonso como Mª Ángeles destacaron a importancia dos procesos que se levan a cabo nesta infraestrutura, desde a recepción da auga (de distintos puntos de procedencia, según caudal, calidade e momento do ano) á decantación, coagulación, floculación e desinfección. Durante as súas valiosas explicacións, compararon o funcionamento da planta de San Francisco coa nova instalación de As Coiñas (Ourense noreste).

Antes de marchar, Alfonso acompañounos ata o depósito vello, unha reliquia arquitectónica á que xa non se lle da uso, que lembra tempos nos que a familia de guardeses encargábase de garantir a potabilidade da auga na cidade.

Unha visita de algo máis dunha hora que terá continuidade o 31 de marzo de 2025 na que será a V Visita á Biofactoría-E.D.A.R. de Reza. O noso agradecemento a todo o persoal da planta, especialmente a M. Ángeles Mazaira Castro por facilitar a xestión desta actividade e acompañarnos durante a mesma.