Alumnado do Programa de Altas Capacidades (AACC) de ESO: actividades levadas a cabo no segundo trimestre.

Durante o segundo trimestre deste curso, o alumnado do Programa de Altas Capacidades de 1º, 2º e 3º de ESO participou activamente no deseño e posta en práctica dun itinerario ambiental pola beira sur do Miño, destinado a alumnado de Ensino Primario e alumnado de Ensino Infantil do noso centro.

A proposta de Berta (orientadora do centro) e Quique, educadores responsables da coordinación das actividades, o alumnado preparou unha serie de documentos cos que traballar distintos aspectos da contorna, adaptados a esas idades tan cativas.

Os docentes facilitaron fichas deseñadas para outras actividades do Proxecto NaturezAula, e amosaron ao alumnado como empregar os prismáticos, para que eles transmitiran ese saber facer ao alumnado diana da actividade.

O día 9 de decembro de 2024 achegámonos ata a zona que ía servir para levar a cabo a actividade. O alumnado aproveitou o paseo para tomar notas e probar os prismáticos, decatándose de que non é difícil escoitar e/ou ver algunhas especies, namentres outras permanecen agochadas lonxe da nosa percepción.

O 3 de febreiro acompañamos ao alumnado de 2º de Ensino Primario.

O tempo acompañou e permitiu que observáramos varias especies nun espazo reducido da beira do Miño.

Xuntos puidemos observar patos, cormoráns, garzas… Descubrimos a diferenza de cores entre patos machos e femias, explicáronnos a diferenza de plumaxe e falamos da alimentación destes animais. Tamén puidemos achegarnos á flora que hai na beira do río; e a falla de follas, comparamos a codia das diferentes árbores.

O 10 de febreiro acompañamos ao alumnado de 6º de Ensino Infantil. Nesta ocasión puidemos ver moi de preto como voaba unha pega, Pica pica, e como patrullaba pola beira un andarríos chico ou bilurico das rochas, Actitis hypoleucos.

O 17 de febreiro foi o turno do alumnado de 5º de Ensino Infantil. Desta vez, un alavanco branco, subespecie domesticus de Anas platyrhynchos, acompañaba ao resto dos patos.

Entre observación e observación voltou a aparecer o andarríos chico ou bilurico das rochas, Actitis hypoleucos.

Para rematar este ciclo de saídas, e logo de varias tentativas frustradas por condicións meteorolóxicas desfavorables, o 7 de abril acompañamos ao alumnado de 4º de Ensino Infantil, e puidemos ver a toda a familia de alavancos reunida ao carón das rochas !!!

Asemade, durante este trimestre, algúns martes e moitos xoves, participamos no Proxecto Voando xuntas.

Iniciado en xaneiro coa visita de María Docampo Fernández e Zulema Varela Río (https://naturezaula.salesianosourense.com/2025/01/voando-xuntas/), o alumnado comezou os transectos o 4 de febreiro, repartíndose o espazo exterior do patio do colexio en tres sectores, como se aprecia na imaxe seguinte.

Para desenvolver a tarefa, as coordinadoras do proxecto facilitaron unhas fichas de observación coas que levar a cabo a toma de datos dos censos.

Ao tempo que o alumnado recollía os datos, o coordinador de NaturezAula accedía á web da estación meteorolóxica do centro (https://app.weathercloud.net/) e gardaba os datos das condicións dese momento.

Seguindo o calendario proposto, adaptado á actividade académica e a distintas actividades complementarias presentes no calendario escolar do centro, a toma de mostras continuou ata o 27 de marzo.

Durante o proceso, moitas aves fixeron presenza no patio e na contorna do colexio, especialmente logo do tempo de recreo.

Os resultados do transecto, acompañados dos datos recollidos pola estación meorolóxica do colexio e abundante material gráfico, foron enviados ás coordinadoras do Proxecto Voando xuntas, coas que está prevista unha xuntanza antes de rematar o curso para que nos conten como vai ser o tratamento dos datos recollidos e a comunicación dos mesmos.

Os educadores responsables destas actividades queremos agradecer ao alumnado de AACC a súa participación e implicación. E coma sempre, moitas grazas ao profesorado de EI e EP por implicarse nas actividades deseñadas para o seu alumnado. A seguir desfrutando da avifauna da contorna !!!