Voando xuntas.

O xoves 23 o alumnado de 1º, 2º e 3º de ESO que participa no Programa de Altas Capacidades (AACC) do centro seguiu a charla de María Docampo Fernández e Zulema Varela Río na que foi a quinta Xornada ConCiencia deste curso, segunda deste ano. Ambas son biólogas e voluntarias de Amigas das Cegoñas; asemade, coordinan o Proxecto Voando xuntas que se vai presentar a Voz Natura.

Na súa presentación amosaron en que vai consistir o Proxecto Voando Xuntas, no que o CPR Plurilingüe María Auxiliadora – Salesianos de Ourense vai participar cun transecto de aves polo patio, como colexio de zona urbana.

O alumnado participante, coa axuda da ficha facilitada por María e Zulema, terá que facer un seguemento semanal das aves que pasen polo percorrido indicado no mapa, seguindo o calendario proposto.

As poñentes aproveitaron a visita para explicar a importancia deste tipo de estudos, as diferenzas entre machos e femias dalgunhas das especies que poderemos atopar nas observacións, como cubrir correctamente a ficha de censo…

Ao remate da sesión na Aula Magna, fixemos o percorrido do transecto, para familiarizarnos co mesmo, ir educando os sentidos e preparar a actividade, que se desenvolverá entre febreiro e marzo.

Agradecemos a Nancy Blanco, de Amigas das Cegoñas, que contara co noso centro para participar nesta interesante iniciativa. E a María e Zulema a súa presentación e deseño do proxecto, que ben seguro vai ser moi educativo.