Ao longo do roteiro fixemos unha manchea de paradas de interpretación. Destacamos as actividades de identificación de fauna e flora, facendo uso de láminas plastificadas e botando man de contidos recollidos de libros como “O herbario de Rosalía”, de María López Sández. Precisamente, e grazas ao Programa A Ponte entre o Ensino Medio e a USC, esta profesora da Área de Didáctica da Lingua e a Literatura, e Vicedecana da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela, foi a poñente da 7ª Xornada ConCiencia do curso 2022-2023, que levou por título Proxectos interdisciplinares entre as Ciencias Naturais e a Literatura ao través do Herbario de Rosalía de Castro.